9X.- Rueda chama a votar porque "hai moito en xogo" e cre que o PP terá "un bo resultado"

Censura que Sánchez "non se corte un pelo" en criticar aos xuíces e espera que a súa actitude teña "repercusión electoral" o domingo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2024 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, asegurou que confía en que o seu partido obteña un "bo resultado" nas eleccións europeas do domingo, que identificou con "unha melloría importante", á vez que, a falta dunhas horas para que peche a campaña electoral, reforzou a súa chamada para animar á cidadanía a acudir ás urnas.

En declaracións aos medios en Santiago, onde participou nunha visita ás obras da primeira fase da 'Cidade administrativa de San Caetano', o presidente galego remarcou que en Galicia el percibiu unha "participación bastante numerosa" nos actos de campaña dos populares, a pesar de que houbo tres citas electorais "en apenas un ano".

Ao seu modo de ver, esta situación reflicte que "a xente é consciente de que estas europeas van máis aló do que se elixa o domingo, que é moi importante", pero de que hai "moito en xogo". Rueda celebrou que "a xente se dea conta" de que os comicios do domingo "importan" e repasou as cuestións nas que puxeron o foco os populares na campaña, ademais da visita de Ursula von der Leyen.

Do mesmo xeito, esgrimiu que Sánchez buscou dar aos comicios "un carácter de plebiscito nacional" e reprobou a súa "estratexia" baseada en "cousas incribles" como "a utilización dunha situación procesual complicada" da súa muller, Begoña Gómez, "para tentar convertelo nun argumento electoral". "Cando creo que é todo o contrario. Eu o que pido aos cidadáns é que valoren todo isto e que se dean conta de que o domingo hai moitas cousas en xogo. O voto do domingo tamén vai servir para empezar a reverter toda esa situación", anticipou.

Rueda, nunha visita ás obras da 'Cidade administrativa de San Caetano'.. Xunta de Galicia
Rueda, nunha visita ás obras da 'Cidade administrativa de San Caetano'.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

"UN BO RESULTADO"

Sobre que se xoga o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, na cita do domingo, respondeu que os populares sempre miden os resultados e, tras remarcar a importancia das tendencias e que "a maior parte de enquisas" son favorables ao seu partido, manifestou que el espera "un bo resultado no sentido dunha mellora importante" para o PP.

"E creo que será un chanzo máis nese obxectivo final polo que todos estamos a traballar, unha vez celebradas as eleccións galegas, para que se produza un cambio no Goberno de España", augurou.

TRASPASO AP-9

Por outra banda, Rueda deu por feito, tras abordalo coa dirección do seu partido, que os populares votarán a favor no Congreso da toma en consideración da proposición de lei que, por unanimidade dos grupos representados na Cámara autonómica, expón a transferencia da AP-9.

A preguntas dos medios, nun acto en Santiago, Rueda explicou que, tras coñecer que o debate de toma en consideración tiña data --o vindeiro martes 11 de xuño--, mantivo conversacións coa dirección do PP para abordar a votación e pedir que o voto fose afirmativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta