A Festa do Marisco de Fene chega o 17 e 18 de agosto cos mariscadores preocupados pola campaña de verán

"A día de hoxe o noso principal recurso é a navalla, que a temos pechada por toxina, e esperemos que para a semana podamos saír a traballar", explicou o patrón maior da confraría Santiago Apóstolo de Barallobre, Jorge López, antes de engadir que hai mariscadores á boia e a pé, "que están mal sobrevivindo".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 28/06/2024 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O patrón maior da confraría Santiago Apóstolo de Barallobre de Fene, Jorge López, adiantou que o acto de peche do centenario deste depósito será a celebración da Festa do marisco, os días 17 e 18 de agosto na súa sede. Así o explicou ante os medios no salón de plenos do Concello, onde López catalogou de positivos os diferentes actos organizados nos últimos meses para celebrar esta efeméride. "Nós o que tratabamos era de potenciar e pór en valor os produtos que temos aquí, extraídos polos nosos socios", sinalou.

Respecto diso, explicou que o obxectivo é "mostrar tanto a particulares como a restauración e a empresas de distribución, os produtos" para darlles "un maior valor". Deste xeito, sabendo que dispoñen de "os mellores produtos", os socios poden pedir que lles paguen "realmente polo que valen". A pesar diso, este profesional do mar admitiu que o colectivo está "en horas baixas" e ten "moi pouco produto", aínda que matizou que "é dunha calidade moi alta". "Agora estamos a ver que, despois de facer varios eventos en feiras, centros comerciais ou congresos, todo o mundo está a reclamar o noso produto", remarcou.

VENDA DIRECTA

Jorge López lembrou que nas súas instalacións ao pé da ría de Ferrol, a confraría conta cunha depuradora propia e que, desde estas instalacións, véndense directamente os produtos que recollen os socios a calquera persoa particular, comercio, restauración, ou empresa. Ademais, o depósito dispón de venda 'en liña' e traballa con compradores de Madrid, Valladolid, Burgos ou Cataluña, ademais de Andalucía e parte do norte de España.

En canto á campaña de verán detallou que non a encaran "con moito entusiasmo", xa que ao seu entender "a xente está en horas moi baixas" e cada vez hai "menos produto". Segundo explicou, non se está atopando unha solución "para que a ría volva producir" e reclamou "máis investimento nun estudo integral" para saber "cal é o problema da ría", e desta forma "poder resolvelo dunha vez".

"A día de hoxe o noso principal recurso é a navalla, que a temos pechada por toxina, e esperemos que para a semana podamos saír a traballar", explicou, antes de engadir que hai mariscadores á boia e a pé, "que están mal sobrevivindo". López detallou que a día de hoxe teñen "estamos a ter unha media entre 10 ou15 persoas, cando fai 10 ou 12 anos case tiñamos 100 embarcacións traballando o marisqueo este mesmo mes".

FESTA

En canto á programación da Festa do Marisco do mes de agosto, detallou que a previsión para o 17 de agosto é contar con concertos de grupos locais, ademais dun 'show cooking' para degustar gratuitamente vise e marolo, a cargo do cociñeiro Marcos Cabanas, do Restaurante A Oliveira de San Mateo en Narón. Igualmente, celebrarase unha comida popular con produtos da ría, e pecharase a conmemoración do centenario cunha homenaxe aos socios da confraría, e unha cea popular tamén con produto da ría. Para o segundo día, 18 de agosto, haberá outro 'show cooking' con degustación de navallas e ameixas, neste caso tamén a cargo doutro cociñeiro local, Esmeil González, do restaurante do Peirao 43 de Mugardos, ademais de actividades para os nenos durante os dous días.

Festa do Marisco de Fene
Festa do Marisco de Fene | Fonte: Fene.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta