ISAGA homenaxea en Ourense ao doutor Peña Rey

A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario, celebra este ano a súa Asemblea en Ourense (o vindeiro día 28 de novembro) na que rende homenaxe ao doutor Manuel Peña Rey. Esta será a quinta edición do encontro, no que tamén se incorporarán 30 novos irmandiños, persoas comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/11/2015

Comparte esta noticia
En anos anteriores ISAGA honrou a memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; e a de Xosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”) en 2014.
 
Neste 2015, ISAGA quere honrar e recuperar para a memoria colectiva a figura do xinecólogo e político galeguista don Manuel Peña Rey. Naceu en Cotobade en 1889 e desenvolveu a súa actividade profesional en Ourense. Na II República foi director do Hospital Provincial e presidente do Colexio de Médicos. Como militante galeguista chegou a ser o presidente do Partido Nacionalista Republicano de Ourense (PNRO) e fixo campaña pola Fronte Popular nas eleccións de 1936. Foi destituido nos inicios de guerra civil, no verán do 36, e estivo encarcerado no Carballiño. Tardou máis de oito anos en ser rehabilitado.
 
Manuel Peña Rey foi un dos pioneiros da Obstetricia e Xinecoloxía en Ourense; non está moi claro se foi o primeiro médico desta especialidade en establecerse na cidade, pero hai constancia documental que acredita a súa presenza desde o ano 1918. Foi o seu mestre Manuel Varela –prestixioso xinecólogo galego afincado en Madrid- quen lle aconsellou instalarse en terras ourensás. Na revista galeguista Nós aparecen, ao longo dos anos, diversas insercións publicitarias das clínicas e sanatorios que puxo en marcha na cidade. O psiquiatra David Simón, que ten escrito en varias ocasións sobre este personaxe, será o encargado de glosar a súa figura. No acto estará presente Manuel Peña-Rey Bouzas, fíllo do homenaxeado, tamén médico e figura destacada do comunismo ourensán: agora é o presidente de honra do PCG. 
 
Con este acto de recuperación da memoria histórica ISAGA quere honrar a todos aqueles que, en tempos ben difíciles, souberon manter o seu compromiso co país e coa lingua. Servirán de exemplo ás novas xeracións, para perseverar na tarefa de defender a nosa cultura e o noso idioma, auténtica riqueza que non nos pertence: é un ben da Humanidade enteira, e con ela debemos sentirnos comprometidos. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.