Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2024 | Actualizada ás 15:06
Organizacións sindicais esixiron este mércores á Xunta que convoque unha "mesa tripartita" para informar "sobre a licitación dos contratos do transporte sanitario non urxente" e advertiron de que, se non reciben "pronto" noticias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ampliarán as mobilizacións. Así o asegurou o responsable de Transportes da Confederación Intersindical Galega (CIG), Xesús Pastoriza, en declaracións aos medios ao comezo dunha concentración convocada por CIG, UXT, CCOO e USO ante a sede da Consellería en Santiago de Compostela.
Segundo explicou, o seu obxectivo é "denunciar os incumprimentos por parte da Xunta respecto dos contratos do transporte sanitario non urxente" e resaltar que aínda que "o urxente xa está licitado, o non urxente segue sen funcionar". O representante da CIG asegurou ante os medios de comunicación que aínda que a Xunta sacou a licitación varios contratos, estes "quedaron desertos" tras non presentarse ningunha empresa, debido á "insuficiente dotación económica".
Ademais, subliñou que esta situación "repercute no convenio colectivo porque hai unha paga de regularización de máis de 1.700 euros vinculada a que os contratos se adxudiquen", polo que se non se adxudican eses contratos, "a xente non cobra".
Segundo denunciou, o compromiso da Xunta era "ter completamente adxudicados os contratos no mes de xullo para cobrar no mes de agosto", pero "debido á situación actual" van cobrar "en novembro, decembro, ou en xaneiro do próximo ano".
Nesta liña, esixiu ao Executivo autonómico que "faga o que teña que facer e que cumpra os seus compromisos" porque poden licitar con carácter ordinario ou con carácter de emerxencia, "é unha decisión política, se licitan con carácter urxente nun mes está solucionado".
SITUACIÓN DO TRANSPORTE SANITARIO
Pola súa banda, o representante de CCOO, Roberto Rodríguez, asegurou que son máis de 1.000 os afectados por esta situación no transporte sanitario. Así mesmo, mencionou que debido a un conflito laboral nunha das áreas, concretamente a de Vigo, a Xunta "comprometeuse por escrito" a sentar ao tres partes, a social, a empresarial e á Consellería para "debater e chegar a acordos sobre estas licitacións".
"Actualmente non hai ningún compromiso, polo que demandamos que cumpran co pactado", explicou para sinalar que, aínda que "hai avances na licitación de carácter urxente e de emerxencias", non teñen esperanza en que a administración confirme estas licitacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.