O PSdeG sobre a Atención Primaria en Galicia: "Atópase ao límite"

Aseguran que o ambulatorio de Rianxo só ten cuberto a metade do cadro de médicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2024 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia denunciou a "situación límite" na Atención Primaria en Rianxo e que se estende "aos centros de saúde de todo o territorio galego". A secretaria adxunta de Organización do PSdeG, Ana Pena; e o secretario xeral provincial da Coruña, Bernardo Fernández, xunto ao portavoz socialista na localidade, Óscar Rial, denunciaron este xoves as deficiencias que lastran a Atención Primaria no municipio e esixíronlle á Xunta que poña remedio á situación.

Fernández alertou de que a sanidade en xeral, e sobre todo a atención primaria, está "depauperada", por exemplo, cunhas listas de espera que se "multiplicaron por tres" respecto das décadas anteriores. "Se preguntamos, non imos atopar a ningún cidadán que diga que a sanidade galega está mellor que hai 20 anos", afirmou o secretario provincial, que esixiu á Xunta que reverta as "políticas nefastas" que conduciron á actual situación de crise asistencial.

"A Xunta ten as competencias e ten que adoptar medidas. Estar de brazos cruzados botando a culpa a outros non é solución", asegurou. Ana Pena criticou que un pobo de 12.000 habitantes non pode ter cubertas só a metade das prazas do seu centro de saúde e lamentou que "situacións como a de Rianxo esténdense por todo o territorio galego". "Ter acceso a unha consulta, unha revisión médica ou á atención pediátrica é unha prioridade e débense pór en marcha medidas que solucionen este problema", advertiu.

Pola súa banda, Óscar Rial insistiu en demandar un servizo de calidade que satisfaga a demanda que existe en Rianxo e reprochoulle ao Goberno galego que poña "parches de forma continua" sen buscar solucións definitivas, en referencia á recente incorporación temporal dun facultativo e un MIR na súa última etapa de formación. Para o portavoz socialista no Concello é imprescindible cubrir o servizo de tarde no ambulatorio e reducir as listas de espera cando menos ata o obxectivo de 48 horas que propón o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

SÓ CATRO MÉDICOS PARA OITO PRAZAS

O PSdeG asegurou que, dos oito médicos cos que deberían contar as instalacións sanitarias, durante meses unicamente traballaron catro, xa que a dúas baixas sen substituír únense dúas prazas que carecen de titular. Os socialistas sinalan que a situación tamén é crítica no punto de atención continuada, xa que carece de facultativos. "Deben desprazarse doutros municipios para garantir a asistencia", sosteñen para asegurar que "só hai un pediatra para atender a toda a poboación infantil do concello".

A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, e o secretario xeral do PSOE coruñés, Bernardo Fernández, visitan o centro de saúde de Rianxo
A secretaria de Organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, e o secretario xeral do PSOE coruñés, Bernardo Fernández, visitan o centro de saúde de Rianxo | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta