Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/11/2015 | Actualizada ás 18:12
O Ministerio de Defensa non vai permitir que a Fábrica de Armas da Coruña quede sen vixilancia nin un día. Hoxe mesmo retirou, polo de agora temporalmente, a Hércules de Armamento o permiso para producir armas de guerra.
A decisión supón un durísimo golpe para un dos proxectos industriais máis importantes, e máis polémicos, do país nos últimos anos. Hercules de Armamento, a concesionaria elixida polo Estado nun polémico concurso adebeda xa varias nóminas a algúns traballadores.
Á empresa Segur Ibérica débelle aproximádamente medio millón de euros. Por iso os seus especialistas en seguridade abandonaron onte o recinto fabril. Comunicaron a súa ausencia ás forzas de seguridade. Lóxicamente, unha instalación así non pode estar sen vixilancia, polo que Defensa reaccionou hoxe retirándolle o permiso.
Os problemas para Hércules de Armamento acumúlanse. Ramón Mejuto, máximo accionista da compañía, está imputado por estafa tras a denuncia do seu ex-socio no proxecto, Juan José Gómez Rey. Mejuto botouno do Consello de Administración, colocou ao seu fillo e fixo unha ampliación de capital para deixalo sen poder real na compañía. Gómez Rey reaccionou coa denuncia, na que asegura que as últimas contas presentadas no Rexistro Mercantil son falsas.
O feito de que a seguridade non cobrara hai tempo, e que haxa operarios de Hércules con débedas, permite albiscar falta de liquidez do proxecto. Mejuto comprometeu varias veces a chegada de máis capital doutro socio e o lanzamento de novas armas, algo que non se acaba de concretar.
Os delegados do antigo comité de empresa de Santa Bárbara tamén denunciaron a situación da fábrica nos xulgados. Os representantes da que fora empresa pública sempre denunciaron que Hércules de Armamento non tiña un proxecto sólido e temen que o único que se buscase é quedarse cos valiosos predios e especular no mercado inmobilario da que foi unha das fábricas militares punteiras en Europa. O Concello da Coruña, xa co PP, negara a posibilidade dunha recualificación, pero a situación pode cambiar, sobre todo a medio prazo, se finalmente toda a fábrica vai ao tacho.
Os líderes dos ex-traballadores recurriron a adxudicación diante de Defensa alegando que Hércules carecía de capital dabondo e que se creara pouco antes da adxudicación, pero o Estado non lles deu a razón. Agora, Defensa vese obligada a meterlle o pecho a unha fábrica da que dependen centos de postos de traballo. O Estado terá que encargase tamén que a Policía controle o recinto, dado o potencial perigoso do material alí almacenado e da súa maquinaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.