Por E.P. | OURENSE | 18/07/2024 | Actualizada ás 17:54
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense na que se absolvía a un avogado acusado de estafar a dúas clientas, nai e filla, durante un procedemento relacionado cunha herdanza.
No xuízo, celebrado o pasado mes de xaneiro, elas aseguraron arruinarse ao ter que facer fronte a pagos que ascenderon a máis de 100.000 euros, incluíndo a venda dun piso. "Acabaron co piso, cos meus aforros, cos da miña filla, coa miña saúde, coa dela, coa de todos. Acabounos con todo", dixo a muller. Mentres, o acusado declarouse inocente e a sentenza absolveuno.
Con todo, a Sala do Civil e Penal do TSXG rexeitou a exclusión das mensaxes de WhatsApp entre a filla e o acusado, nos que se fala de pagos como elemento de proba. A Audiencia Provincial ourensá non os tivo en conta debido a que a dilixencia de cotejo só permite acreditar que se atopaban no teléfono da denunciante, pero non con quen mantiña esa conversación.
Á hora de descartalos, a Audiencia Provincial aludiu a "a facilidade para facerse con programas capaces de simular esas conversacións". Con todo, o TSXG advirte que "esa non é a posición que mantén o Tribunal Supremo en relación ás mensaxes de WhatsApp".
O Alto Tribunal non entende que "exista unha sorte de presunción de falsidade desas mensaxes que haxa de ser destruída mediante unha pericia", tal e como mantén a Audiencia de Ourense na sentenza apelada, se non, pola contra, "sinala que só en caso dunha impugnación, non meramente retórica, da súa autenticidade -pola existencia de sospeitas ou indicios de manipulación- débese realizar esa pericia sobre o emisor das mensaxes e o seu contido".
Así pois, segundo o tribunal, "despéxanse as dúbidas sobre a autenticidade das mensaxes", porque destacan que a propia vítima puxo a disposición do xuíz de instrución o seu teléfono móbil e porque di que, como indica a acusación particular, "o teléfono que figura nas conversacións é o utilizado polo acusado para contacto do Sergas".
A Sala conclúe que "é incuestionable a errónea consideración ou non consideración dunha proba que se antolla de relevancia" para a resolución da cuestión. Por conseguinte declara a nulidade da sentenza "por indebida e equivocada valoración dun medio probatorio" e acorda a celebración dun novo xuízo oral con novo tribunal.
Os feitos xulgados tiveron lugar entre 2017 e 2019 e o Ministerio Fiscal solicitaba tres anos e medio de prisión para o procesado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.