A contratación de profesionais da comunicación é sempre un investimento

Unha quincena de expertos analizaron no Foro da Comunicación de Galicia o presente e o futuro da comunicación, o marketing e a publicidade poñendo en valor que sexan realizados por profesionais. A revista GCiencia, a axencia Quattro IDCP coa campaña “Sex Invaders”, FollowUS Televisión e o Proxecto Pilgrim, gañadores da terceira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 27/11/2015 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

Só o 20% das pequenas e medianas empresas de Galicia teñen profesionalizada a súa comunicación. O 54% dos empresarios galegos non valoran a función da comunicación na empresa e só un 29% estarían dispostos a investir en comunicación realizada por profesionais. Webs corporativas realizadas polo persoal de informática ou de Recursos Humanos…

Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia en Ourense
Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia en Ourense

Con este panorama sobre a mesa, celebrouse o mércores en Expourense a terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia onde unha quincena de profesionais da comunicación, a publicidade e o marketing, defenderon a posta en valor da  comunicación como un investimento e non coma un gasto. Insistiron ademais na necesidade de que estes servizos estean realizados por profesionais e que para competir nun mundo globalizado e ser responsables cos clientes e usuarios, as empresas deben incluír á comunicación no seu orzamento, ben a través da contratación en plantel ou a través dos servizos contratados a unha consultora externa.

Os relatorios, conferencias, mesas redondas e obradoiros que tiveron lugar durante todo o día resultaron moi interesantes e atractivos para todos os particulares, empresarios e medios de comunicación que alí estivemos presentes.

A conferencia de clausura foi impartida polo director de ABC, Bieito Rubido, quen analizou o panorama español ante as próximas eleccións xerais do 20D. “Yihadismo, a integración dos inmigrantes e a baixa taxa de natalidade” foron sinalados polo xornalista como os tres principais problemas de España.  Apuntou, ademais, como posibles vías de solución a busca da concordia indicando que “a sociedade española está demasiado polarizada en dous bandos e iso non é bo” e a necesidade dunha “gran campaña de autoestima para reivindicar a españolidade”. 

Este Foro contou co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e o apoio do IGAPE e da Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia

O programa deste 3º Foro concluíu coa entrega da terceira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando así o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega.  Esta entrega de premios contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e da delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira.

Nesta ocasión recaeron nas seguintes empresas:

Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME: Recaeu na axencia de publicidade Quattro IDCP (A Coruña), responsable da campaña “Sex Invaders”, un proxecto para Facebook da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para divulgar información preventiva sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS) aos cidadáns galegos. Foi unha iniciativa pioneira en España, xa que ningunha administración autonómica utilizara a rede social nese momento para contactar co target xuvenil (18-25 anos), divulgar información sobre esta temática e atender consultas privadas personalizadas e de carácter confidencial mediante o servizo de mensaxería de Facebook. Aplicouse unha estratexia de “GAMIFICACIÓN” creando un xogo no que cada nivel representada unha das 9 infeccións máis frecuentes. O resultado, un maior coñecemento dos costumes sexuais dun público obxectivo que se ten en conta á hora de deseñar estratexias e campañas informativas no ámbito da prevención das enfermidades de transmisión sexual.

Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación:  Este premio é para o proxecto “FollowUs TV” promovido polo Grupo Galego de Televisión e Comunicación (Ourense). Preséntanse co lema “la televisión del mañana, hoy!”. Canle de televisión dixital temática en HD que ofrece contidos audiovisuais á carta, xa que cada usuario pode acceder aos que queira e visionalos comodamente ademais de poder comentalos e valorar os contidos. Este proxecto conta con apenas 3 meses de vida e xa conseguiu crear unha plataforma de comunicación única no seu formato. A tecnoloxía empregada é a máis avanzada en materia multimedia con software especializado que garante o resultado profesional de cada traballo. Os servizos Informativos desta canle serán os mesmos que os de Radio Ourense- Cadena SER, unindo así radio e televisión. 

Premio á Comunicación dixital no sector do xornalismo:  Este premio recaeu na revista online “GCiencia” creada por Ciencia Galega Industrias Creativas S.L.(Vigo). Cumprían dous anos de existencia convertidos no medio de comunicación de referencia da ciencia e a tecnoloxía de Galicia. A filosofía de GCiencia consiste en divulgar entre o público xeral a ciencia e a tecnoloxía que se desenvolven en Galicia. Desde o seu nacemento o 25 de novembro de 2013, GCiencia publicou máis de 2.000 contidos, na súa maioría reportaxes, aínda que tamén entrevistas, tribunas de opinión, blogs, audiovisuais de produción propia e seccións de vídeos e fotografías, entre elas e en exclusiva a foto do día da NASA (APOD). Entre as súas firmas atópanse as de científicos galegos de primeira orde como Anxo Carracedo, Mar Capeáns, Antonio Figueras, Jorge Mira, entre outros. A filosofía de GCiencia non conclúe na súa propia web. Como parte do seu labor divulgativa e de fomento do pensamento crítico, a cabeceira organiza distintas actividades, das que destacamos dúas: os premios de xornalismo científico “Contar a Ciencia”, destinado a alumnos de Comunicación das universidades galegas, que celebrou xa a súa segunda edición, e os galardóns “Galicia Spin-Off” que recoñecen ás mellores empresas galegas nadas no ámbito universitario, e que se entregarán o 30 de novembro na súa primeira edición.

Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación: O gañador foi o “Proxecto Pilgrim” (O Burgo, A Coruña) da empresa Pilgrim Solutions. Trátase dun proxecto tecnolóxico para facer chegar o Camiño de Santiago e o Turismo de Galicia a todos os rincóns do mundo, facéndoo accesible a todas as nacionalidades que nos visitan podendo acceder a todo tipo de información a través de dispositivos móbiles ou aplicacións webs. Cóbrense así todas as necesidades do peregrino ó longo da súa experiencia turística. A innovación ven dada polo seu motor GIS, totalmente novidoso en Europa, que permite seleccionar a información en base á xeolocalización do usuario, calcular distancias, obter información en tempo e posición real, ademais de poder ser compartida e accesible en comunidade grazas á plataforma de social media. A través da tecnoloxía, ofrecen servizos pioneiros aos peregrinos como tarxetas ou pulseiras coas que abonar  nos establecementos sen ter que levar cartos encima ata unha reconfortante ducha quente ao final do camiño. Todo xestionado a través do móbil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta