Pontevedra estrea "mestres composteiros"

A Deputación de Pontevedra selecciona aos responsábeis do plan de compostaxe, que cobrarán 1.400 euros durante seis meses -prorrogábeis seis meses máis- grazas a unha bolsa.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/12/2015 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O primeiro exame de selección para a concesión de 10 bolsas de mestre composteiro da Deputación de Pontevedra foi superado por 38 aspirantes. 

Exame para Mestre Composteiro na Deputación de Pontevedra
Exame para Mestre Composteiro na Deputación de Pontevedra

Os candidatos terán que superar agora unha nova fase, que será a entrevista persoal, de carácter obrigatorio e eliminatorio. A proba consistirá na realización dun cuestionario, no que o tribunal preguntaralle en persoa a cada aspirante sobre o seu currículo, obxectivos profesionais e dispoñibilidade, entre outras cuestións, para comprobar a súa preparación.

Curso de formación

Os 20 mellores aspirantes pasarán a unha nova fase: un curso de formación intensivo de seis semanas (con 12 horas semanais) no que expertos recoñecidos de Cataluña, Navarra, Guipúscoa ou Italia se encargarán das explicacións baixo a guía do novo asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, e a técnica da Deputación María Martínez Abraldes. Tamén haberá clases maxistrais de profesores universitarios convidados.

Unha vez finalizado o curso a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación, que obterán a titulación de mestre composteiro, en breve homologada pola Universidade.

A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian instalando. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis, cunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitarios e no asesoramento e a divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta