Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2025 | Actualizada ás 18:37
Unións Agrarias solicitou ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite que as mostras obtidas entre este martes e mércores, tras a caída da rede eléctrica na xornada do luns, non sexan tidas en conta para posibles penalizacións no prezo do produto. "Hai algunha industria [dentro do sector] que, por unha mostra cunha bacteroloxía alta, obriga a tirar todo o leite ou a descontar o seu prezo", explicou en declaracións aos medios o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, que cualificou de "actuación rastreira" o suposto no que ese criterio se aplicase para esta situación de excepción.
Estas posibles variacións nos seus valores están suxeitas á alteración da cadea de frío, xa que, nalgúns casos, os gandeiros tiveron que destinar a enerxía da que dispuñan para atender "calquera outra circunstancia grave", como o ordeño. Con todo, García precisou que unicamente se refire a niveis bateriais que non afecten o consumo: "Os tests de control están a realizarse, polo que calquera mostra que teña algún tipo de anomalía que afecte á calidade do leite para o consumo humano seguirá o proceso de penalización".
Aínda que o apagamento causou "importantes perdas" aos agricultores e gandeiros galegos, o representante da entidade destacou que as "explotacións máis competitivas" de leite, carne ou pito estaban preparadas para este tipo de circunstancias, con xeradores ou a utilización da toma de forza dos tractores. Isto débese a "un sistema eléctrico que fallaba con demasiada frecuencia" e que lles obrigou a estar preparados para estas situacións. Ademais, o "grao de solidariedade" tamén se puxo de manifesto ante a caída da rede eléctrica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.