Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2024 | Actualizada ás 19:02
O senador do PP de Lugo José Manuel Balseiro rexistrou unha iniciativa na Cámara alta interesándose pola sentenza que cuestiona as multas que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) impuxo aos condutores que circulan pola A-8, no tramo do alto do Fiouco.
Segundo lembraron os populares nun comunicado, a xustiza concluíu nunha sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Lugo que esta sinalización do sistema de desvío automático en condicións desfavorables de néboa "é confusa" e leva aos condutores a "cometer erros frecuentes" e por esa razón anulou algunha das sancións efectuadas.
Segundo os datos da propia DXT, detallou o PP, ata 76 condutores foron detectados entre 2017 e 2021 desprazándose en sentido contrario neste tramo, aos que habería que engadir os sancionados por circular polo tramo pechado ao tráfico desde a implantación dese desvío automático --en decembro de 2016-- ata a actualidade.
Balseiro quere saber que medidas "pensa adoptar" o Goberno central tras coñecerse esta resolución xudicial, se prevé "mellorar a sinalización" e quere saber o número total de sancións efectuadas ata a data.
Así mesmo, o senador popular lembrou que o paso polo alto do Foiuco tamén está sometido a un radar de tramo, en ambas as direccións, na actualidade está limitado a 100 quilómetros por hora, cando "non hai unha restrición maior" por razóns de néboa ou vento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.