Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/08/2024 | Actualizada ás 10:36
A localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade será de novo, o 31 de agosto, a praza elixida polos populares para o tradicional acto de apertura do novo curso político no que participará o líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, e no que exercerá de anfitrión o presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alfonso Rueda.
Os populares volven ao municipio pontevedrés despois de regresar puntualmente o ano pasado ao Castelo de Sotomaior, nun acto que se converteu tamén en metáfora da recuperación do poder provincial, dado que a Deputación de Pontevedra, ata as municipais de 2023 en mans do PSOE, vetara o evento popular durante varios anos.
'Saldada' esa conta, fontes do PP consultadas por Europa Press confirmaron que Feijóo e os seus regresarán á Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, que tamén adquirira xa un carácter simbólico para os populares.
Nela celebrou o de Os Peares a súa primeira apertura de curso político como líder do PP, no ano 2022, e participou en varias anteriores como anfitrión. E é que o PP elixiu Galicia para abrir formalmente o curso político desde os tempos nos que Mariano Rajoy dirixía o partido.
Esta vez o acto de Cerdedo-Cotobade anticipará outro encontro político interno de calado anunciado por Feijóo: a cita á que en setembro o líder do PP convocou aos seus presidentes autonómicos co foco no financiamento autonómico e o obxectivo de articular unha fronte común para combater o concerto económico catalán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.