Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2024 | Actualizada ás 13:57
Os deputados da área de medio rural do BNG Montserrat Valcárcel e Secundino Fernández, acompañados de membros do partido, visitaron unha explotación gandeira no lugar de Lamas de Campos, A Fonsagrada, unha das comarcas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e que acaba de ver cancelada unha das súas feiras de gando máis importantes por este motivo.
Desde alí, os nacionalistas esixiron á Xunta do PP "medidas urxentes" e que "asuma as súas funcións" nunha situación de "extremo abandono" dos gandeiros ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, que lle supón ao sector, calcularon, uns custos medios de 400 euros por animal infectado.
Os gandeiros da Fonsagrada trasladaron a súa "situación de abandono" e "falta de información e de axudas", mentres a Consellería do Medio Rural está "ausente", criticaron. É por iso que o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas canto antes.
A enfermidade, que se manifesta cun proceso infeccioso non contaxioso, é causada por un virus da familia Reoviridae que se transmite por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico se activa coa subida das temperaturas, despois dunha pausa invernal larvaria na auga.
Segundo a web da Xunta de Galicia, en 2023 habilitáronse indemnizacións por valor de 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza, axudas "que aínda están sen percibir por parte dos afectados" advirte en BNG. Ademais, afirman, "se se comparan coas recibidas no resto do Estado, son unha cifra excesivamente discreta para o número de casos totais da enfermidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.