Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/09/2024 | Actualizada ás 10:44
O BNG rexistraou este venres, 13 de setembro, no Parlamento galego a solicitude da comisión que investigará o sobrecuste de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro e as adxudicacións a empresas amigas e vinculadas a familiares de altos cargos do PP, especialmente, as da empresa onde traballa a irmá de Feijóo, Eulen, e os contratos de emerxencia da pandemia
Durante o rexistro desta iniciativa, Pontón dixo que non contempla que o ex presidente, Albeto Núñez Feijóo, e o actual presidente, Alfonso Rueda, se neguen a comparecer neste órgano: “Sería unha falta de respecto ás galegas e os galegos".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao PP a "non vetar" que o presidente galego, Alfonso Rueda, e o seu predecesor no cargo e actual líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, comparezan na Cámara autonómica. "Sería unha falta de respecto á democracia e aos galegos e unha declaración de culpabilidade que Feijó e Rueda se neguen a vir á comparecer a este Parlamento para aclarar as contratacións que fixeron", aseverou ante os medio.
Tras presentar a petición no rexistro da Cámara, Pontón declarou ante os xornalistas que o Bloque usa "a forza" dos seus 25 deputados para "pór luz onde o PP só quere que haxa escuridade", como, ao seu xuízo, evidencia o 'non' co que os populares evitaron o pasado martes que o pleno aprobase a creación, a proposta dos nacionalistas, da comisión sobre a pandemia, Eulen e o Cunqueiro.
Para Pontón, o "vergoñoso veto" do PP a que se puxese en marcha este organismo parlamentario "é toda unha declaración de culpabilidade", polo que defendeu a necesidade de "fiscalizar" a través dunha investigación no Lexislativo autonómico "como se están xestionando os recursos públicos" de Galicia ante as "evidencias" de que existen "irregularidades". Así as cousas, remarcou que o obxectivo é pór "luz" no "sobrecusto" de 470 millóns de euros por "a construción privatizada" do hospital vigués Álvaro Cunqueiro.
"EVIDENCIAS" DE FAVORECER A "EMPRESAS AMIGAS"
En palabras de Pontón, existen "evidencias" de que a Xunta favoreceu a empresas "amigas" vinculadas "a altos cargos do PP", entre as que destacou a Eulen que, como lembrou, ten a Micaela Núñez, irmá de Alberto Núñez Feijóo, como responsable para a zona noroeste.
"Queremos luz, transparencia e saber a verdade", aseverou Pontón, que apelou a iniciar "canto antes" a constitución da comisión, para a que os nacionalistas presentarán un plan de traballo "rigoroso e detallado" que, ademais de solicitudes de documentación que o PP "leva dous anos boicoteando" que cheguen ao Parlamento, incluirá peticións de comparecencia entre as que figurarán a de Rueda e a de Feijóo.
A líder do BNG anunciou este martes na Cámara que empregarán o mecanismo do regulamento da Cámara que outorga capacidade aos grupos con polo menos un terzo dos asentos no hemiciclo do Pazo do Hórreo para crear comisións de investigación.
"Imos usar a forza dos nosos 25 deputados para que se investigue", aseverou Pontón quen, no entanto, convidou ao PP a votar a favor da posta en marcha desta comisión "se non ten nada que esconder". "Se responden cun veto será unha declaración de responsabilidade", dixo.
O PP EVITA CONFIRMAR NADA
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, evitou aclarar se os populares facilitarán que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu antecesor e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, acudan á Cámara a comparecer na comisión de investigación sobre contratos da Xunta, entre outras cuestións, que rexistrou o BNG. En todo caso, anticipou que considera que hai comparecencias que serían "moito máis clarificadoras".
En rolda de prensa, na mesma xornada na que o BNG formalizou o rexistro da comisión, Pazos salientou que lle parece "prematuro" pronunciarse sobre comparecencias tendo en conta que descoñece "por completo" cales van ser as demandas concretas dos grupos, aínda que nacionalistas e socialistas puxeron o foco en que comparezan Roda e Feijóo.
Esta cuestión non pasou desapercibida para o portavoz popular, quen aínda que apostou por pronunciarse tras estudar o plan de traballo e ver as propostas que se materializan, subliñou que considera que "hai propostas que serían moito máis clarificadoras" que as de Rueda e Feijóo "a efectos de coñecer cal era o proceder duns e doutros".
"Temos todo o interese en que se coñeza todo o relacionado coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e tamén coa contratación. Sinceramente creo que temos moito do que sentimos orgullosos e algúns dos que agora demandan información, moito do que avergoñarse", avisou.
Non en balde, previamente, remitiuse ao pleno desta semana para subliñar que hai cuestións que "xa quedaron claras". Como exemplo, referiuse a que "é totalmente falso" que o Consello de Contas "fale dun sobrecusto polo modelo de construción do Cunqueiro". "Como dixo Rueda, o informe recolle o contrario", contrapuxo.
SEGUNDA VEZ NA HISTORIA
Trátase da segunda ocasión desde a reforma do regulamento no ano 2015 que se empregará o mecanismo que permite crear comisións de investigación sen a aprobación da maioría do pleno. A primeira produciuse na X Lexislatura (2016-2020), cando En Marea, PSdeG e BNG uníronse para, con dous terzos dos 75 asentos do hemiciclo, pór en marcha unha investigación parlamentaria sobre os recortes en sanidade, aínda que a falta de acordo co PP para configuración da lista de comparecentes levaron aos grupos da oposición a desentenderse do desenvolvemento da mesma e organizar unha comisión "paralela".
Agora, o Bloque valerase dos seus 25 deputados, que constitúen un terzo do total da Cámara, para impulsar a comisión de investigación, cuxa creación foi rexeitada este martes polos votos do PP. O seu portavoz, Alberto Pazos Couñago, viu no intento dos nacionalistas unha "importación" e "adaptación á española" da "metodoloxía do réxime de Nicolás Maduro" por parte dos "admiradores do exemplar sistema democrático bolivariano".
FEIJÓO E RUEDA
Tanto o BNG, como o PSdeG xa anunciaron que pedirán a comparecencia do ex presidente e o actual mandatario galego para explicar os contratos con Eulen e tamén o sobrecuste na construción do hospital Álvaro Cunqueiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.