Galiartesán.- Ché Tembra, o ferreiro que conquista ao mundo coas súas esculturas: "Eu o que non quería é que esta arte se perdese"

Conta ao Galicia Confidencial que mesmo "teño ido a algunha escola coa fragua para dicirlle aos rapaciños como era", pero, "de entre todos os estudantes, atopas dous, como moito, que se preocupen disto".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/09/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

José Tembra, máis coñecido como Ché Tembra, é un ferreiro dos tradicionais, dos de toda a vida. Aos seus 70 anos, este cangrexeiro (como lles coñecen aos de Taragoña, unha parroquia do concello de Rianxo) vai de feira en feira por Galicia adiante amosando a súa arte. As súas esculturas forxadas en aceiro impresionan ao mundo enteiro, con temáticas do máis variadas, pero con varias coleccións centradas na denuncia social, política e cultural: a revolución cubana, o empoderamente feminino, a reivindicación de autores clásicos da literatura galega... Ademais, tamén son ben coñecidas as súas 'folliñas', que tanto serven como chaveiro como para decorar a árbore de Nadal. Non hai nin unha soa persoa que se cruce con el e quede indiferente, tal é o seu carisma e a súa naturalidade ao falar dun oficio que, como lamenta, se está perdendo por falta de relevo xeracional.

Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas
Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas | Fonte: GC

Tembra explica que "quen quere aprender, aprende"e, querendo, "todo é sinxelo", pois a fragua "é máis cuestión de maña que doutra cousa". De feito, a el ninguén lle ensinou, aprendeu soíño, "a base de equivocacións". E, para demostrarnos como se forxa, dalle á fragua para quentar o lume e comezar a facer unha peza moi práctica: un cicel. Asegura que, "hoxe en día, xa hai fraguas eléctricas, que facilitan moito o traballo dos ferreiros", pero a el séguelle gustando apostar polas mecánicas, "como facían os nosos antergos". Pois, aínda que poida ser máis complicado de aprender, Ché considera que, "como todo nesta vida, todo é a base de proba e erro; se te equivocas, aprendes para a próxima". Así nolo afirma xa coa fragua quente e coas pinzas listas para sacar a vara de ferro ao vermello vivo de entre o carbón e levala á forxa. Entre golpe e golpe, vaille dando xeito e estilizando o cicel. Dous golpes de calor son suficientes, coa práctica que ten, para deixalo listo para traballar na obra, despois dun correcto proceso de templa "para que non dobre nin rompa".

Pero, cousas da vida, e aínda que véndoo poida parecelo, Tembra non é ferreiro dende que comezou a súa andadura laboral. Como nos conta, "eu nun comezo era mecánico" e foi despois dun tempo como mecánico cando se fixo ferreiro. O que si confesa é que "a min sempre me gustou a creación, eu sempre facía cousas para as mulleres que ían a Ribeira a traballar no campo". E, unha vez pensionado, "empecei facendo un Castelao para o meu xenro, fíxadevos o que son as cousas", chancea Ché. Quen lle diría que dese Castelao sairía toda unha liña de esculturas que deixan apampado ata ao menos impresionable. Dende ese primeiro contacto coa 'forxa artística', xa non foi quen de deixalo, pois confesa que "quedei prendado". Vinte anos leva facendo esculturas e, "como me gustaba, sempre fun facendo cousas novas, innovando", asegura o cangrexeiro, que aínda a día de hoxe continúa evolucionando.

No tocante ao oficio estrito de ferreiro, ao que se adicou despois de ser mecánico, conta que "teño feito moitos portais", pero non ao chou, senón para que se soubese de que casa eran, "sempre me daba por facerlle unhas estrelliñas, unha vaquiña, un barco ou calquera outro detalle". "A idea era que non quedasen todos iguais e que cada un fose identificativo da casa que pechaba", apunta Tembra, visiblemente emocionado ao lembrarse deses tempos, nos que "non había portais iguais aos meus". Pero isto non foi algo ideado para facer negocio, senón que "foi algo esporádico, que me saía así, como me saen hoxe en día os cadros". Ché pode ver unha viñeta ou inspirarse nalgún debuxo feito, "pero cámbiolle totalmente o deseño". 

Para Tembra sería unha mágoa moi grande que se deixase de forxar coma antes. "Eu quería que non se perdera isto, por iso me gusta vir ás feiras e meterlle o bichiño aos rapaces, pero estase perdendo", lamenta, e asegura que "non hai ninguén que queira aprender". De feito, dinos que "mesmo lle propuxen ao Concello dar obradoiros gratis, pero ao final dixeron que non podía ser porque se podían mancar os alumnos e era preciso un seguro", ademais de que "non compensaba porque ninguén quería". Pero non será polo esforzo que pon Tembra en ensinar o oficio que se perderá, porque mesmo "teño ido a algunha escola coa fragua para dicirlle aos rapaciños como era". "De entre todos os estudantes atopas dous, como moito, que se preocupen disto, é raro que haxa máis", confesa.

Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas
Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas | Fonte: GC

Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas
Ché Tembra, o ferreiro cangrexeiro que impresiona ao mundo coas súas esculturas | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta