O tráfico de mercadorías de portos estatais en Galicia aumenta un 16% en agosto

Con todo, baixan en Marín-Ría de Pontevedra (301.363 toneladas) e Vilagarcía (107.580 toneladas).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Os portos de interese xeral do Estado en Galicia aumentaron un 16,4% o tráfico de mercadorías en agosto en comparación co mesmo mes de 2023, cun volume de 2.818.168 toneladas, segundo os datos que publica o Ministerio de Transportes este luns.

No entanto, hai diferenzas entre os cinco portos de titularidade estatal. Por unha banda, aumentan os tráficos na Coruña (1.366.367 toneladas), Ferrol-San Cibrao (643.978 toneladas) e Vigo (398.880). Con todo, baixan en Marín-Ría de Pontevedra (301.363 toneladas) e Vilagarcía (107.580 toneladas).

No acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e agosto, o porto de Marín-Ría de Pontevedra lidera o crecemento relativo (+19,1%) na comparativa co mesmo período de 2023, cun total de 1.743.589 toneladas. Tamén soben en Vigo (+11,3%), con 3.578.490 toneladas, e A Coruña (+11%), con 10.086.439 toneladas, o de maior volume global.

En cambio, nos oito primeiros meses de 2024 esborrállanse as mercadorías un 21,2% en Ferrol-San Cibrao (4.690.537 toneladas) e tamén baixan en Vilagarcía (-7,4%), cun acumulado de 957.237 toneladas.

No tocante a cruceiros, o porto da Coruñe experimenta un crecemento de pasaxeiros ata agosto do 35,2%, con 272.110 cruceristas. Contrasta co descenso do 6,3% de Vigo, que queda en 111.829 persoas.

Rexistra un auxe o turismo de cruceiros en Ferrol-San Cibrao ao anotarse 10.047 cruceristas, un 122,7% máis que un ano antes. Igualmente, repuntan un 31,9% en Vilagarcía e ascenden a 1.681 pasaxeiros. Ademais, en Marín-Ría de Pontevedra houbo 765 visitantes no que vai de ano, cando foron cero no mesmo período de 2023.

Arquivo - Porto da Coruña. AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA - Arquivo
Arquivo - Porto da Coruña. AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta