Principio de acordo co PSOE para que En Marea teña grupo propio

En Marea poderá formar un grupo parlamentario propio galego de consolidarse o principio acordado onte entre Podemos e PSOE. Este xoves houbo unha reunión entre os socialistas e o partido morado en Madrid.

Por Manuel Vilas | Madrid | 08/01/2016 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

Segundo indica Fernando H. Valls en La Información, os representantes do PSOE aceptarían a formación de catro grupos: Podemos, En Marea (Galicia), En Comú Podem (Cataluña) y Compromís-Podem (Comunidad Valenciana). Agora ben, a decisión final depende do Comité Federal dese partido, que se debe reunir antes do día 13, cando se constitúen formalmente as Cortes. Mercedes Zaragüeta en OKdiario cita fontes do PSOE para confirmar o preacordo, e asegura que o presidente da Cámara Baixa será socialista.

Reunión de Pablo Iglesias de Podemos con Xosé Manuel Beiras, de ANOVA
Reunión de Pablo Iglesias de Podemos con Xosé Manuel Beiras, de ANOVA

Se cadra porque só e un principio de acordo -que depende en parte tamén da complexa negociación para formar goberno-, nin as fontes oficiais de ANOVA -un dos partidos de En Marea- nin as de Podemos confirmaron, consultadas por GC, o pacto. Agora ben, tampouco o negaron. Os nacionalistas galegos, que din estar ao tanto das conversas, indicaron que non van facer valoracións até o día 13. Os seus deputados toman hoxe posesión das súas actas en Madrid.

Hai que ter en conta que o principio de pacto PSOE+Podemos debe sumar máis socios para saír adiante. Tanto PP como Ciudadanos xa se pronunciaron en contra. “Sería inxusto para os españois pagar do seu peto que alguén poidese ter máis turnos de palabra ou máis diñeiro que lle corresponde”, declarou onte Albert Rivera. 

Un dos posíbeis socios no acordo -que negocian a galega Carolina Bescansa de Podemos e o socialista Antonio Hernando- podería ser Democracia i Llibertat. A coalición política catalá na que participa CDC mostrouse aberta a un pacto co PSOE para constituír unha Mesa o máis plural posíbel. Interésalles, porque seguindo ao pé da letra o regulamento do Congreso, eles tampouco teñen dereito a grupo parlamentar, ao non sumar o 15% por Barcelona.

Sería esta Mesa do Congreso formada por múltiples partidos e presidida polo PSOE a encargada de interpretar o regulamento do Congreso para formar grupos parlamentarios. Se na súa composición o PSOE logra que PP e Ciudadanos non teñan maioría de bloqueo, os outros grupos poderían dar luz verde aos catro grupos relacionados con Podemos, pois o Tribunal Constitucional fallou en varias ocasións que é o propio poder Lexislativo quen ten que interpretar as súas normas. 

Carolina Bescansa, cofundadora de Podemos
Carolina Bescansa, cofundadora de Podemos | Fonte: cadenaser.com

O regulamento establece que “en ningún caso pueden constituir Grupo Parlamentario separado Diputados que pertenezcan a un mismo partido”. Na candidatura de En Marea hai deputados, como Antón Gómez Reino, que pertencen a Podemos.  As negociacións buscan como esquivar esta barreira, que PP e Ciudadanos poderían explotar nos tribunais.

Pola súa banda Podemos confirmou de novo o seu compromiso cos grupos parlamentares autonómicos. Fíxoo no comunicado oficial tras finalizar a rolda de reunións de Pablo Iglesias con En Comú Podem, Esquerra Unida i Alternativa, Esquerda Unida, Anova, Compromís, Equo e Iniciativa per Catalunya Verds.

Iglesias di que lles transmitiu a urxencia de aprobación xa a Ley 25 de Emergencia Social. A tramitación desta Lei e a propia configuración dos grupos parlamentares evidenciará se o PSOE e Podemos logran manterse unidos e sumar outros partidos para abrir a porta a un cambio de Goberno, que impida a convocatoria dunhas novas eleccións xerais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 24 comentarios

5 Primi

SI se fraccionan así todos os partidos , menuda xaula de grilos. Esperemos que non cunda o exemplo. Puro interese

4 Estralampa

O grupo parlamentar proprio era um dos objectivos políticos de Em Marea... para dar voz propria ao eleitorado galego. Se finalmente se consegue será um grande éxito histórico, agardo que o primeiro duma longa série.

1 Gaitas do Nalón

E se non se consegue que nome lle vas dar...?

2 xacobe

Vendérono como unha realidade, é agora...

3 O lado escuro

Arre me cagho na...! Que o demo me coma senon é Darth Vader e o fillo. Que a forza nos acompañe, que moita faltiña vainos facer.

2 alterEGOmundistas

A foto dos Mesias é un fake, imposible que dous EGOS tan sobredimensionados podan coller a vez na mesma imaxe. Racharía totalmente as leis do espazo-tempo. Sería por decilo nun termo de mode e tratándose de postmodelnos, algo así...coma unha cicloxenese de fachenda e embriguismo. Me apunto o encabezamento...o vello Saturno vai a percura de amigos na meseta, porque en Galiza non lle queda ningún, xa que escarallou todo onde meteu os fouciños.

1 LKI

Quen ten unha chea de amigos é o BeNeGá. O único militante do PCPG, os 12 liberados da FOGA, os 3 resucitados de Coalición Galega, os 2 do Partido Galeguista...

1 sesese

Ahí ahí, eso logo se acorda. Que o cartiño , e o cartiño. Do resto sigamos ca demagoxia e trampa adiante.