Tres desaparicións en Galicia nos últimos días

Buscan a unha moza que desapareceu na Coruña e a unha muller da que se perdeu a pista en Ferreira de Pantón. Atopan a outra anciá morta tras desaparecer do seu domicilio no Barco.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/01/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou nos últimos días e horas tres desaparicións, unha moza, unha muller e unha anciá das que se lle perdeu a pista na Coruña, Ferreira de Pantón e o Barco de Valdeorras. Con todo, as malas noticias acaban de confirmarse no caso da veciña do concello de Ourense, de 80 anos, que apareceu morta nun regato na mañá deste mércores.

Mobilización de veciños na busca dunha persoa desaparecida
Mobilización de veciños na busca dunha persoa desaparecida | Fonte: casaga.org

Pola súa banda, a Garda Civil e a asociación SOS Desaparecidos lanzaron  unha alerta de busca por Paloma Barcia Morenza, de 17 anos, que desapareceu este martes no Instituto de Zalaeta no momento en que os seus pais acudiron a recollela.

A última vez que foi vista levaba un pantalón estampado, xersei negro e botas negras con calcetíns voltos ademais dunha chaqueta branca, unha bufanda clara e unha mochila cun chaveiro na cremalleira.

A Garda Civil tamén despregou un dispositivo para tratar de dar con Bertha Gladys Marulanda, unha muller colombiana de 52 anos de idade, veciña de Murcia, que desapareceu o pasado sábado pola noite no municipio lucense de Ferreira de Pantón.

A desaparecida, que segundo outros informadores estaba a atravesar un momento delicado na súa vida persoal, estivera residindo coas monxas bernardas, na localidade de Pantón, pero logo pediu aloxamento a outra muller do pobo, de orixe uruguaia, coa que saíu o sábado a tomar algo. Foi a última vez que se soubo dela, porque supostamente saíu para chamar desde unha cabina á súa nai e xa non regresou.

Por outra banda, a muller de 80 anos desaparecida onte do seu domicilio do municipio ourensán do Barco de Valdeorras foi localizada morta nun regato. Axentes da Garda Civil localizaron o corpo sen vida da muller ás 10:20 horas deste mércores na auga. A muller residía xunto a un fillo, que denunciou a desaparición onte da súa vivenda da urbanización A Cerámica, no citado municipio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta