Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2025 | Actualizada ás 17:55
Galicia lidera o ranking estatal como a comunidade autónoma con máis bibliotecas escolares en funcionamento, segundo a última estatística publicada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, con datos correspondentes ao curso 2023-24.
Segundo este informe, practicamente a totalidade de colexios e institutos galegos --concretamente o 98,2 %-- contan con espazos bibliotecarios en funcionamento, o que supón 15,7 puntos por encima da media estatal --82,5 %-- e 8,2 puntos máis da segunda que é Cantabria --90 %--.
Nunha nota de prensa, a Xunta detallou que as bibliotecas dos colexios e institutos galegos son as que máis permiten o acceso ás persoas de fóra dos centros, xa que "no 62 % dos casos están abertos á participación das familias, mentres que a media de España é do 36,3 %". Nesta liña, o Goberno galego destacou que "case no 15 % dos casos" as bibliotecas escolares están abertas a usuarios de fóra da comunidade educativa, "cando a media estatal é do 8,5 %". "Estes datos do Ministerio reflicten a aposta da Xunta polo apoio e dinamización destes espazos como eixos fundamentais de aprendizaxe en colexios e institutos", subliñou a Consellería.
De feito, lembrou que o fomento das competencias lingüísticas é "unha das prioridades do Goberno galego", que se verá reforzada, segundo indicou, a partir do próximo curso coa implantación de tempo para ler como "un espazo diario e sistematizado nos centros educativos parar consolidar o hábito lector en todas as etapas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.