Coñeces o custo de todos os métodos anticonceptivos dispoñibles no mercado? E a súa eficacia?

Preservativo masculino e pílula anticonceptiva non son as únicas opcións, cada vez os xinecólogos recomendan máis os DIU, de cobre ou hormonais. E tamén existen outros métodos como os aneis vaxinais, os parches ou os implantes, entre outros. Dende o GC facemos un repaso por algúns deles, a súa eficacia e o seu prezo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nunha sociedade na que as mulleres xa se atopan completamente liberadas a nivel sexual, na que manter relacións e gozar das mesmas xa non leva aparellado o desexo de ter fillos, os métodos anticonceptivos son máis necesarios que nunca. Só co seu emprego se pode reducir ao mínimo (en maior ou menor medida dependendo do elixido) o risco de contraer un embarazo. E, aínda que hai moitos métodos diferentes e mesmo moitas opcións dentro dun mesmo método, o certo é que non todos os anticonceptivos que hai no mercado a día de hoxe se atopan financiados pola Seguridade Social, habendoos máis ou menos custosos, e mesmo algúns que, dependendo dos ingresos da muller en cuestión, non se poden permitir pagar. É por iso que o presidente da Sociedade Galega de Contracepción (SOGAC), Javier Valdés-Pons, denuncia que "a única solución pasa porque todos os métodos anticonceptivos estivesen financiados ao 100 %", pois "así os xinecólogos poderiamos adaptar a nosa recomendación a cada perfil de muller, coas súas características e historia clínica particular". Mentres isto non acontece, e non ten trazas de acontecer a curto prazo, dende o GC contámosvos cales son os métodos existentes actualmente, a súa eficacia e o seu prezo. Coñecíalos todos?

Pílula anticonceptiva
Pílula anticonceptiva | Fonte: Commons

Sen dúbida, os máis comúns seguen a ser o preservativo masculino e a pílula anticonceptiva feminina, aínda que, como advirte Valdés-Pons, "o método anticonceptivo máis usado é non usar método, pois a día de hoxe hai un 19,7 % de mulleres que recoñece non usar ningún método á hora de manter relacións sexuais" ou ben empregar "o preservativo de uso interrumpido, é dicir, cando lles acorda de poñelo". Ademais, tamén apunta a que dende as consultas de xinecoloxía, "cada vez tendemos máis a recomendar os métodos de longa duración, porque implican menor esforzo ás mulleres, pois a pílula, por exemplo, teñen que acordarse de tomala cada día a unha hora". E é que, como lamenta, "hoxe por hoxe non hai ningún método anticonceptivo que estea financiado ao 100 % pola Administración, aqueles que gozan de financiación, como acontece coa maioría dos fármacos doutro tipo, están financiados só ao 60 %". Aínda con todo, hai un 78,5 % de mulleres españolas en idade fértil que si emprega algún método anticonceptivo de xeito regular, sendo este o rexistro de uso máis alto dos últimos 10 anos. 

PRESERVATIVO MASCULINO: UN 18 % DAS MULLERES QUEDAN EMBARAZADAS DURANTE O PRIMEIRO ANO DE USO 

Sexa como fose, comezando a nosa análise polo preservativo masculino, esa delgada funda de látex ou poliuretano que recobre o pene en erección durante o coito para reter a maior cantidade de seme exaculado, evitando que os espermatozoides entren en contacto coa vaxina e impedindo así o embarazo, este é o método empregado por un 35,7 % das mulleres en España (datos dados a coñecer neste ano 2024 pola Enquisa de Anticoncepción realizada pola Sociedade Española de Contracepción e a Federación Española de Contracepción). Con todo, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), con datos relativos ao ano 2015, hai un 18 % das mulleres que se quedan embarazadas durante o primeiro ano do seu uso típico (o que fai do mesmo a poboación xeral) e mesmo un 2 % das mesmas que contrae un embarazo a pesares de levar a cabo un uso perfecto (de forma correcta e sistemática) do mesmo. E só un 43 % das mulleres recoñece seguir con este método despois dun ano. Ademais, como todos sabemos, estes anticonceptivos non son precisamente baratos, habendo que recorrer a marcas comerciais como Durex ou Control, cun custe de entre 6 e 12 euros (caixa de 12 unidades) os máis básicos.

PÍLULA ANTICONCEPTIVA: FINANCIADAS SÓ CERTAS MARCAS E EN PARTE, CON PREZOS REDUCIDOS A 4,71 EUROS AO MES

DIU
DIU | Fonte: Commons

Seguidamente, a pílula con efecto anticonceptivo que se toma diariamente por vía oral, con estróxenos e proxesterona (hormonas semellantes ás que produce un ovario nun ciclo natural), actúa suprimindo a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides. Este método, co seu uso típico ten un 9 % de posibilidades de que a muller quede embarazada durante o seu primeiro ano de uso, mentres que esa porcentaxe se reduce ao 0,3 % se fai da pílula un uso perfecto. Así mesmo, un 67 % das mulleres continúa con este método despois dun ano. As opcións son diversas, pois hai moitos laboratorios que se adican á fabricación desta pílula, e con diferentes composicións, de tal maneira que os prezos tamén varían. Así, dentro dos anticonceptivos orais monofásicos con proxestáxenos de segunda xeración hai varios financiados en parte pola Seguridade Social, cun custe para o peto da muller de 4,71 euros ao mes (caixa de 21 ou 28 comprimidos), aínda que tamén hai algúns non financiados con prezos que van dende os 2,53 euros ata os 15,45. Dentro dos anticonceptivos orais monofásicos con proxestáxenos antiandroxénicos tamén hai varias opcións financiadas, que deixan o custe reducido a 4,71 euros ao mes (caixa de 21 ou 28 comprimidos), e outros que non están financiados, con prezos que van dende os 5,46 ata os 45,94. Dentro dos anticonceptivos orais monofásicos con proxestáxenos de terceira xeración, os que están financiados quedan cun prezo de 2,93 euros (caixa de 21 comprimidos) e os que non oscilan entre os 6,87 e 45,95 euros.

PÍLULA SÓ DE XESTÁXENOS: FINANCIADA EN PARTE POLA SEGURIDADE SOCIAL, QUEDA CUN CUSTO DE 3,98 EUROS AO MES

Vinculada a esta pílula aparece tamén como alternativa unha derivada: a pílula só de xestáxenos. Tamén se toma diariamente por vía oral e contén unha hormona semellante á proxesterona, que produce o ovario no ciclo natural. Suprime como a outra a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides. A súa efectividade é exactamente igual á da pílula convencional: do 9 % cun uso típico e do 0,3 % cun uso perfecto da mesma, e igualmente a súa aceptación para seguir usándoa despois do ano está no 67 %. As opcións comerciais da mesma son diversas e, aínda que todas elas están financiadas, o seu custe supón o desembolso 3,98 euros ao mes (caixa de 28 comprimidos).

DIU: O DE COBRE RONDA OS 100 EUROS E DURA 10 ANOS E OS HORMONAIS OSCILAN ENTRE OS 150 E OS 165 E OS 3 E 5 ANOS

Pero máis aló destes dous métodos existen moitos outros, entre os que se atopan, cada vez máis en auxe, os DIU, xa sexan de cobre ou hormonais. Máis en concreto, o DIU de cobre é un dispositivo de entre 4 e 5 centímetros, de plástico, que contén un fío de cobre e que se coloca no interior do útero para evitar o embarazo, principalmente polo efecto espermicida do cobre. O número de embarazos rexistrados por cada 100 mulleres ao ano con este método é do 0,8 con uso típico e do 0,6 co uso perfecto. É un dos métodos máis efectivos porque non require que a muller sexa activa na súa toma nin introducción. Ademais, o 78 % das mulleres que comezan a empregalo continúan con el pasado un ano. Agora ben, o seu custe ronda os 100 euros, aínda que pode botar 10 anos. Pola súa banda, o DIU hormonal presenta dúas opcións no mercado. Mirena, que se trata dun dispositivo tamén de entre 4 e 5 centímetros, de plástico, e que libera levonorgestrel, unha hormona con propiedades semellantes á proxesterona; e Jaydess, un dispositivo de 3 centímetros, igualmente de plástico, que libera levonorgestrel, unha hormona tamén con propiedades semellantes á proxesterona. A eficacia de Jaydess é do 0,4 % e a de Mirena do 0,2 %, ambos con porcentaxes de uso despois do ano que superan o 80 %: 81 e 80 %, respectivamente. Iso si, ningún dos dous se atopa financiado pola Seguridade Social, tendo Jaydess un custe de 153,38 euros e 3 anos de duración e Mirena un custe de 165,11 euros e 5 anos de vida útil.

ANEL VAXINAL: NON ESTÁ FINANCIADO E O SEU PREZO É DE 19,92 EUROS CADA TRES MESES

Dentro dos métodos que están sendo máis demandados nos últimos anos tamén se atopa o anel vaxinal, outro método hormonal de uso mensual. Consiste nun anel flexible de plástico, de 5 centímetros de diámetro e 4 milímetros de grosor, que se introduce na vaxina liberando estróxenos e proxesterona, hormonas semellantes ás que produce o ovario nun ciclo natural. Suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides. A súa eficacia é dun 9 % de mulleres que se quedan embarazadas durante o primeiro ano de emprego facendo un uso típico do anel e cae ao 0,3 cun uso perfecto do mesmo. Este método anticonceptivo non está financiado pola Seguridade Social, e o seu prezo é de 19,92 euros (cada anel dura 3 semanas).

PARCHE: SEN FINANCIACIÓN, CUN CUSTE DE 19,29 EUROS Á SEMANA OU 52,93 EUROS AO MES

Outra opcións son os parches, tamén anticonceptivos hormonais, neste caso de uso semanal. Consiste nun dispositivo fino, de 20 milímetros, que se pega á pel liberando estróxenos e proxesterona, hormonas semellantes ás que produce o ovario nun ciclo natural. Suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado. A porcentaxe de mulleres que quedan embarazadas durante o seu primeiro ano de uso é do 9 % facendo un uso típido e dun 0,3 % cun uso perfecto. Ademais, a súa aceptación é boa, pois o 67 % das mulleres segue empregando este método despois dun ano de telo usado. Iso si, é outro dos anticonceptivos que non está financiado, de tal maneira que o seu custe ascende a 19,29 euros á semana (caixa cun parche) ou a 52,93 euros ao mes (caixa con tres parches).

DIAFRAGMA E CAPUCHÓN CERVIAL: DENDE OS 30 AOS 50 EUROS, NO PRIMEIRO CASO; E DENDE OS 40 AOS 60, NO SEGUNDO

Tamén hai a opción de empregar preservativos femininos, dos cales hai unha ampla variedade. Así, por unha banda, poderíase citar o coñecido como diafragma, un dispositivo de látex ou silicona, con forma de cúpula, que se introduce na vaxina cubrindo o pescozo do útero, impedindo así o paso dos espermatozoides. Neste caso a porcentaxe de mulleres que se quedan embarazadas tras o primeiro ano de uso facendo do mesmo un uso típico é do 12 %, porcentaxe que baixa ao 6 % cun uso perfecto do mesmo. E o 57 % das que o empregan deciden seguir usándoo despois dun ano. Igual que acontece cos preservativos masculinos, non se trata dun método financiado, habendo empresas privadas que o fabrican e o poñen á venda no mercado por prezos que van dende os 30 ata os 50 euros. Unha variante moi similar a esta sería o emprego do capuchón cervical, un dispositivo de látex ou silicona, con forma de dedal, que se introduce na vaxina cubrindo o pescozo do útero, coa mesma función que o diafragma. A porcentaxe de mulleres que quedan embarazadas durante o primeiro ano de uso é do 21 % facendo un uso típico deste capuchón e do 5 % facendo un uso perfecto do mesmo. Ademais, hai un 41 % das mulleres que segue co método despois dun ano empregándoo. Tampouco esta financiado pola Seguridade Social e o seu prezo oscila entre os 40 e os 60 euros.

INXECCIÓN INTRAMUSCULAR: ESTÁ FINANCIADA E TEN UN CUSTE DE SÓ 2,50 EUROS CADA TRES MESES

Dentro doutros métodos anticonceptivos, quizáis moito menos coñecidos, estaría tamén a inxección intramuscular, que se administra cada 12 semanas unicamente. Contén unha hormona semellante á proxesterona que produce o ovario nun ciclo natural e suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides. Con este método, a porcentaxe de mulleres que se queda embaraza durante o primeiro ano de uso é do 6 %, facendo do mesmo un emprego típico, e reducíndose esta cifra ao 0,2 % facendo un uso perfecto. Despois dun ano con este método, hai un 56 % de mulleres que deciden continuar con el. A inxección intramuscular, ademais, está financiada e ten unicamente un custe de 2,50 euros por inxección, cunha duración de tres meses ata a seguinte aplicación.

IMPLANTE: EFICACIA SUPERIOR Á VASECTOMÍA, CUN CUSTE DE CASE 150 EUROS CADA TRES ANOS

Así mesmo, cómpre falar da opción do implante como método anticonceptivo. Trátase dunha pequena variña de plástico flexible, de 4 centímetros de longo e 2 milímetros de diámetro, que se inserta debaixo da pel do brazo. O implante libera unha hormona semellante á proxesterona que produce o ovario nun ciclo natural e, polo tanto, como nos outros casos, suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides. Este anticonceptivo, tamén de tipo hormonal, conta con 3 anos de duración. É moi efectivo, xa que a porcentaxe de mulleres que quedan embarazadas durante o primeiro ano de uso é unicamente do 0,05 %. É dicir, ten unha eficacia mesmo superior á da esterilización masculina (o 0,15 % das mulleres quedan embarazadas durante o primeiro ano) e á da esterilización feminina (o 0,5 % das mulleres quedan embarazadas durante o primeiro ano). Ademais, un 84 % das mulleres deciden seguir usándoo pasado ese período. O problema radica en que, aínda que si está financiado en parte pola Seguridade Social para mulleres con idades comprendidas entre os 18 e os 40 anos, o seu prezo para o peto segue a ser elevado: de 148,43 euros por implante, iso si, cunha duración de 3 anos.

Preservativos
Preservativos | Fonte: iStock
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta