O Parlamento dá un paso contra as multinacionais eléctricas

A Cámara galega tramitará unha Iniciativa Lexislativa Popular, co apoio de todos os grupos, que pide reducir a tarifa eléctrica. Os grupos da oposición defenden o control público desta enerxía para evitar a connivencia entre o poder e as multinacionais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2016 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Galicia podería desfrutar dunha menor tarifa eléctrica debido a que é unha das zonas que máis produce e que menos se beneficia dela. Ou iso é, polo menos, o que pretenden unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que acaba de ser aprobada para a súa tramitación no Parlamento galego co voto a favor de todos os grupos.

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión

Na proposta valórase pedir unha rebaixa do 30% no custo das peaxes da electricidade en Galicia, como territorio produtor e excedentario de enerxía.  Ademais, recóllese que Galicia ten unha gran potencia eléctrica instalada e é "excedentaria ano tras ano" nun 40%, sen que iso teña un beneficio. Tamén se propón que a Xunta teña presenza directa no sector eléctrico e que as tarifas non se vexan "sometidas ao invento do Goberno de Madrid, de facer unha poxa todos os anos do prezo da enerxía".

Ademais, os asinantes da ILP demandan que se aprobe unha definición de pobreza enerxética e toman como referencia o modelo inglés. É dicir, considerarase pobreza enerxética cando unha unidade familiar destine o 10%  dos seus ingresos a pagar recibos da luz ou gas e non consigan manter a súa vivenda entre os 18 e os 21 graos. A iniciativa, xestionada pola CIG e avalada por máis de 17.000 firmas, foi defendida no Parlamento por Fernando Branco Parga, membro do sindicato nacionalista e exdiputado do BNG.

Durante o debate, o PPdeG xa advertiu que non está de acordo con todo o exposto nesta ILP porque moitas das accións expostas “xa as está facendo a Xunta”. Así, o deputado do PP Hipólito Fariñas xustificou o voto a favor do seu grupo para elaborar un texto legal respectuoso coas competencias de Galicia e comprometido coas persoas vulnerables. "Tramitarase e farase un texto lexislativo que servirá para blindar as accións que a Xunta xa está a realizar", defendeu.

Un sector “público”

O resto de grupos no Parlamento tamén apoiou a iniciativa, aínda que entre críticas ás políticas enerxéticas do PP. Neste sentido, o deputado do PSdeG Abel Losada lamentou a lexislación "a favor" das empresas do PP e recoñeceu que aínda que os socialistas cuestionan "algunha formulación xeral do nacionalismo" sobre a enerxía, a redución no custo de transporte é "perfectamente asumible".

Planta de enerxía eléctrica
Planta de enerxía eléctrica | Fonte: eldiario.es

Juan Fajardo (AGE) tamén compartiu os puntos de vista expostos pola ILP e asegurou que a pobreza enerxética afecta "a miles de persoas en Galicia", polo que demandou unha rebaixa nos custos e medidas públicas para axudar ás familias.  Na súa opinión, unha das causas dos problemas son as portas xiratorias entre política e sector enerxético e defendeu a volta ao sector público destas empresas.

A deputada do BNG Carme Adán insistiu en que a enerxía "é un dereito, un servizo público" e criticou que o PP na última lei estatal aprobada, en 2013, establecese que "non é un dereito, un servizo público, senón unha actividade económica de interese xeral e ese é o problema".

Tamén Carmen Iglesias, do Grupo Mixto, mostrou o seu apoio á iniciativa porque "beneficiaría ao conxunto da sociedade galega, á industria, ao emprego, ás clases máis desfavorecidas e aos miles de persoas que padecen pobreza enerxética".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta