Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 29/01/2016 | Actualizada ás 17:30
A tese titúlase "A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra." Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia e foi presentada na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección do profesor Arturo Casas. O autor, Mario Regueira, analiza a emerxencia dun campo cultural galego entre os anos 1936 e 1966.
Neste contexto, no que editoriais como Galaxia vanse consolidando a partir de 1950 como primeira editora do país, analízase de forma específica o seu traballo na conquista de ámbitos para a lingua galega, así como as influencias ideolóxicas e filosóficas que están por detrás do seu discurso e da súa actividade editorial.
A tese trata, asemade, sobre a forma na que este legado ideolóxico condiciona as primeiras narrativas publicadas por Galaxia e a relación das novas propostas da mesma, especialmente o que se deu en chamar “Nova Narrativa” e máis a relación con outras que viñan do exilio, ou mesmo a actitude de certos axentes que adoptaron o castelán como lingua literaria.
Concédese, dentro desta perspectiva, un papel especial á configuración das fronteiras do campo literario galego neste período, cuxa definición, segundo o autor do traballo, a grandes trazos segue vixente nos nosos días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.