“Pique” entre os alcaldes da área de Porto polo voo entre Vigo e Lisboa

Denuncian que detrás da medida hai a intención de “levar o mercado galego a Lisboa”. Os alcaldes da Eurorrexión discuten sobre as obras do AVE A Coruña-Lisboa e tamén de proxectos conxuntos.

Por Galicia Confidencial | Porto | 03/02/2016 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Varios alcaldes da área do Porto amosaron o seu malestar polo voo que recentemente se anunciou pola compañía portuguesa TAP entre Vigo e Lisboa. Un voo, din, que prexudica a cidade do norte luso.

Un avión da TAP
Un avión da TAP | Fonte: tap.pt

Por iso, aproveitaron a reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, que se reuniu en Santa María da Feira, en Portugal, para criticar esta medida cando xa existe outro voo desde A Coruña e, sen embargo, “non se impulsa o tren desde a capital herculina á portuguesa”.

Ademais, consideran que esa conexión aérea é unha "manobra contra Porto” que coincide, ademais, coa eliminación de varias liñas da TAP desde esta cidade a Bruxelas, entre outras. Neste sentido, denuncian que se queira “levar o mercado galego a Lisboa" en detrimento de Porto.

Por outra banda, nese encontro falouse do tren de altas prestacións A Coruña-Lisboa, cuxa "batalla ten que terminar de darse en Portugal", segundo explicou o secretario xeral deste ente, Xoán Vázquez Mao. Na reunión tamén se debullaron as contas do Eixo e o seu programa para 2016, pero tamén importantes cuestións relativas a infraestruturas.

Unha delas será a conexión do tren A Coruña-Lisboa, non xa Porto-Vigo, unha liña esta última que require de certa modernización coa implementación do saída sur de Vigo. "Para que haxa unha liña A Coruña-Lisboa, que xa o estamos falando con Portugal, ten que facerse a saída sur de Vigo", sostén o secretario xeral do Eixo, para o que calcula un investimento de 400 millóns de euros.

O máximo órgano de dirección da entidade que engloba a concellos de Galicia e do Norte de Portugal falou tamén das colaboracións entre os concellos para temas de promoción conxunta e acordou, en materia de desenvolvemento sustentable, realizar os traballos solicitados polos municipios que presentaron candidatura na convocatoria anual, aberta a finais de 2015.

Entre eles atópanse dous proxectos do Concello da Coruña que teñen que ver co compromiso ambiental e a sustentabilidade, así como outros presentados polos concellos de Compostela, Monforte, Ourense, Vilagarcía, Chaves ou Vila Real, Maia en Macedo de Cavaleiros, así como pola Deputación de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ySU5

Para isto vale a suposta "eurorrexión", para defender os intereses de oporto e o seu aeroporto. Coa Xunta xa nos chega, non quero máis entes politicos en Galicia.