Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/02/2016 | Actualizada ás 08:30
As diferencias entre o BNG e as mareas non fan máis que afondarse. E iso, que polo medio, aínda aínda hai quen fala de confluencia. Desta volta foi o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, quen botou un pouco máis de leña nese lume que está lonxe de apagarse e acusou á Marea de facer a pinza co PP en Pontevedra.
“A Marea en Pontevedra tenta minar, xunto co PP, a un goberno que é referente en Galicia", dixo en declaracións na Cámara galega. E puxo como exemplo a oposición construtiva que practica o BNG en cidades como A Coruña ou Santiago, onde os gobernos municipais están encabezados por Marea Atlántica e Compostela Aberta, respectivamente. "Quen ten posicións agresivas no ámbito municipal non é o BNG precisamente", afirmou.
Por outra banda, a deputada de AGE Eva Solla, preguntada pola posibilidade de que o BNG se some a En Marea nunha candidatura para as autonómicas, afirmou que esa formación é "libre de decidir o que queira". "O BNG é soberano e terán que decidir o seu posicionamento", reiterou Solla, que lembrou que a formación nacionalista está a debater nestes días e non lle compete a AGE nin a outras organizacións pronunciarse sobre o que decidan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.