Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/02/2016 | Actualizada ás 10:00
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, xa dá por finiquitada a polémica que rodeou esta semana ao ex tenente de alcalde de Moraña, o popular Jorge Caldas, e que acabou coa súa dimisión por cualificar á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como “mala zorra e sinvergüenza”.
“Pregúntame vostede sobre o pasado”, respondeulle Feeijóo a GC na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “Non hai maior contundencia que presentar a dimisión e abandonar o cargo electo" dixo ao ser preguntado pola reclamación de Silva, que dixo que non acepta as desculpas do cargo que dimitiu senón que quere máis contundencia por parte do PP.
A presidenta da deputación pediulle ao PP a expulsión do partido do xa exconcelleiro e tamén que a propia alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, adquira "responsabilidades" por ser "cómplice" destes insultos, ao apoiar estas "barbaridades".
Tamén a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, pediu a expulsión do Partido Popular de Jorge Caldas. "Pedimos a expulsión do PP deste señor, que tendo un cargo público o que exerceu, así de claro, foi violencia verbal, que non é máis que outra manifestación da violencia de xénero", dixo nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.