En memoria de Pata Beltran

Hai anos coñecín un tipo singular chamado Washington Beltrán Durán. Era máis coñecido no mundo e no seu Montevideo amado como Pata Beltrán, debido a secuelas da poliomielite na infancia. A enfermidade afectou a unha das súas pernas e iso ao andar facíao balancear de forma elegante e ás veces case ''chulesca ''. Despois fixémonos amigos e mantivemos no tempo a amizade. Acaba de morrer como consecuencia dun ictus.

Por Fermín Paz | As Pontes | 15/02/2016

Comparte esta noticia

Quero facer agora un recordo entrañable para a súa compañeira Beatriz Techera, para o seu fillo Germán ''o Flecha''  e para a súa filla Andrea. Tamén para a súa ''camarilla'' máis próxima, como Luís, o canario Suárez, o negro Wilson Sequeira, Tabaré e todos aqueles que ao longo e ancho do mundo puidemos gozar das súas múltiples cualidades humanas.

 O Pata Beltrán foi un ser humano comprometido sobre todo co que algúns denominan causas perdidas. El mantíñase firme contra vento e maré pese ás modas e ás novas formas de facer e de estar na política, no sindicato ou no barrio -os seus ecosistemas preferidos-, en base a unha ideoloxía en que a razón e o corazón se intercambian ao unísono e retroalimentan un xeito de actuar nos espazos sociais e políticos onde sempre aparece a contradición.

Entre os seus amigos cónstame que estiveron Pepe Mújica, Benedetti, Viglietti, Galeano e unha imnumerable lista de persoas anónimas e sobre todos as consideradas como marxinais por unha parte da sociedade.

Contarei tres anécdotas que vivín con el porque definen mellor que nada as súas características.

En certa ocasión, en terras francesas propúxome aproveitar o tempo da noite para debater cos asistentes a un Congreso Sindical  asuntos que xa quedasen aparcados nos libros de historia. Segundo convimos podían aportar algún que outro ensino e claves para abordar a incipiente globalización que a todos nos atenazaba e para a cal non tíñamos resposta política nin organizativa. Unha noite calquera e nun hotel de Grenoble, un número importante de delegacións resgatamos do baúl dos recordos un debate histórico no devir da esquerda -a revolución nun só país ou a revolución permanente- e os intervinientes prolongamos até ao amencer aquela revisión analítica coas súas conclusións respectivas. Sen durmir, volvemos ás sesións do Congreso e o Pata fíxome saber que o verdadeiro Congreso era o do Hotel e que deberíamos proseguir no noso esforzo a pesar de que aos anfitrións franceses non lles parecese nada ben. En tres dias durmimos 6 horas e cada día fomos aumentando a participación en cantidade e calidade.

Noutra ocasión, veume cun paquete pequeno á habitación dun hotel en Xenebra. O envoltorio levaba escrito un nome, Ofelia, e díxome: "esta muller é unha grande amiga miña; está traballando nun pobo próximo a Santiago". Fíxome  unha sinxela descrición da súa fisionomía de varios anos atrás e deume unhas palabras de ánimo: "faime o favor, entrégalle estas músicas. Xa sei que para ti, comandante será posible este trabajito". Os tangos acompañáronme durante meses e non sabía que facer con tal encargo. Coa axuda de Laura Bugallo -do Dpto de Emigración da Cig- e de algúns compañeiros de Correos, demos con Ofelia nunha taberna de Santa Comba. Aos poucos días, recibín unha chamada da amiga de Pata que me deu as grazas por aqueles momentos de felicidade que lle fixen chegar. A seguir, díxome: "ti e eu sabemos que o Pata xa non ten voz para cantar, mais moi poucos din, senten e fan sentir como fai el". Contesteille que eu tamén era moi feliz por poder cumprir o encargo e choramos os dous.

A última anécdota sucedeu en Bruxelas. A través da fiestra dunha carnicería, vin o Pata xestualizando co dono en fronte dun cartel dos despezamentos e cortes dunha res de vacún, como gustaba de o denominar. Entrei ao establecemento, e cada cal mantiña as posicións nos seus diferentes idiomas. Ao saír díxome: "algúns pensan que Europa é o embigo do mundo e iso impídelles ver que nalgúns asuntos outros levamos a dianteira. Para falar do despezamento e os cortes na carne dunha res hai que ser mais humilde e dar unha volta polo Uruguai ou pola Arxentina. Europa non terá fronteiras físicas, mais tenas mentais, ten moeda única, mais están en proceso de acordo nesta comuna descomunal. O carniceiro pensa que o sabe todo e talvez se conforme con esta Europa de deseño e con seguir coas rutinas de sempre, aínda que iso lle supoña renunciar a outro xeito de facer no que poida ofrecer á súa clientela outros cortes novos que lles permitan degustar todas as texturas, matices e sabores que a natureza animal nos pode ofrecer. Esta Europa paréceme unha entelequia construída baixo perspectivas e intereses estraños e en calquera caso nebulosos. A rutina imponse á dialéctica mesmo nas pequenas accións". Todos os días que pasamos pola porta da carnicería, o dono saíu para saudar o Pata e este correspondíalle cun sinal de complicidade coa man e engadía: "se vivise por aquí, gustaríame ser amigo do carniceiro".

En fin, uns amigos de diferentes países tíñamos pensado visitalo no próximo mes de xuño no seu Montevideo para seguir tecendo a amizade que tanto calou nas nosas vidas, mais o ictus  parece que nos quixo negar esa oportunidade. Falaremos coa súa xente e con Perico Dangiolillo e brindaremos a nosa colaboración para unha homenaxe internacionalista ao amigo Pata do que aprendemos que o ser humano,  sen vergoña nin prexuízos de ningún tipo, debe expresar aos demais os seus sentimentos e conviccións e debe mostrar a súa disposición para facelos realidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.