Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/02/2016 | Actualizada ás 10:00
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto concentrarase este xoves ante o CHUAC para denunciar problemas na atención a abortos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Reclama que que se tomen as medidas oportunas "para garantir unha atención integral e de calidade" ás mulleres que necesitan un aborto no segundo trimestre do seu embarazo.
Precisamente, o Goberno local da Coruña solicitou unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, porque, di, existe "preocupación" polos coidados que reciben as persoas que necesitan a citada interrupción do embarazo a partir da décimo cuarta semana de xestación.
Nun comunicado, o Concello reclama que os paciente “reciban "a mesma atención que cando se trata dun parto", pois advertiu da existencia de denuncias de que non se cumpren os protocolos internacionais para estes casos.
O PSOE xa expresou o seu apoio á concentración deste xoves para denunciar a suposta situación que se produce no Materno e en defensa dun aborto digno. Neste sentido, Mar Barcón, secretaria xeral da Agrupación Socialista, cualificou de "cruel" a falta de atención que se presta ás mulleres que queren exercer o seu dereito a un aborto digno e subliñou que é consecuencia dos recortes do Partido Popular.
Tamén a parlamentaria socialista Marian Ferreiro esixiu “unha atención adecuada, unha atención integral e non asistencial” e anunciou que o PSdeG pediu a comparecencia do conselleiro de Sanidade no Parlamento galego para que fale sobre este asunto.
Pola súa banda, o BNG tamén se suma a protesta e pediu, a través dun comunicado, que se deben respectar os "mínimos que marcan os protocolos" nestes casos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.