Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2025 | Actualizada ás 13:01
A Unión Europea reforzará as medidas para garantir o benestar de cans e gatos, apostando pola identificación obrigatoria mediante microchip e a prohibición da súa venda en tendas de mascotas, liñas xa recollidas na Lei de Benestar Animal en España. O Parlamento Europeo fixou esta semana as súas prioridades para a que será a primeira normativa comunitaria específica sobre a cría, coidado e aloxamento destes animais.
Entre as principais medidas propostas está a obrigatoriedade de identificar individualmente cada exemplar con microchip e incluílo en bases de datos interoperables a nivel europeo. Tamén se propón vetar a súa exposición e comercialización en tendas, co obxectivo de reducir o abandono e o tráfico ilegal de animais. A Fundación Franz Weber lembra que "convivir cun animal debe ser un proceso reflexionado" e insiste na importancia de contar con sistemas de control eficaces.
En Galicia, onde xa se aplica a identificación mediante chip, hai actualmente máis de 812.000 animais de compañía rexistrados, nunha comunidade de 2,7 millóns de habitantes. A maioría son cans (735.321), seguidos de gatos (72.459), pero tamén hai huróns, aves de rapina e outras especies. A Coruña e Pontevedra son as provincias con máis animais inscritos, e Vigo destaca como a cidade con maior número de mascotas rexistradas.
Tanto desde a Fundación como desde a Xunta insisten na necesidade de fomentar unha tenza responsable, que inclúa non só a identificación e rexistro, senón tamén o coidado adecuado: contorna segura, alimentación axeitada, atención veterinaria e cumprimento das normas de convivencia. Lembran ademais que segue existindo unha bolsa de animais sen control, o que dificulta a súa protección fronte ao abandono e o maltrato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.