San Simón e Meirás serán Lugares da Memoria Democrática a partir de setembro

O Goberno central iniciará os trámites formais para recoñecer estes espazos emblemáticos da represión franquista en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2025 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O Goberno iniciará en agosto ou principios de setembro os trámites para declarar formalmente a Illa de San Simón, en Redondela, e o Pazo de Meirás, en Sada, como Lugares da Memoria Democrática. A medida chega mentres diferentes asociacións memorialistas galegas, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, amplían as súas solicitudes para incluír outros espazos, como o antigo cárcere provincial da cidade herculina, polos seus vínculos coa represión franquista.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press / Europa Press
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado / M.Dylan - Europa Press / Europa Press

A tramitación será impulsada polo Ministerio de Memoria Democrática e incluirá a incoación dos expedientes correspondentes, segundo confirmou a Delegación do Goberno. A declaración suporá a inclusión destes lugares no inventario estatal de memoria democrática, así como a realización de actividades de divulgación e pedagoxía para poñer en valor o seu significado histórico. A publicación oficial no BOE marcará o inicio formal deste recoñecemento.

As entidades memorialistas, coordinadas pola plataforma Iniciativa Galega pola Memoria, presentaron as primeiras solicitudes de inclusión para Meirás e San Simón, considerados os espazos máis representativos da memoria democrática galega. A CRMH tamén propón o monumento ás vítimas de O Portiño, mentres que outras asociacións solicitaron a declaración do cemiterio vello de San Breixo, en Celanova, construído parcialmente con traballo forzado de presos e escenario de fusilamentos.

Matías da Torre, portavoz da Iniciativa, lamentou que ningunha institución galega iniciase estas declaracións de oficio e criticou a pasividade da Xunta neste ámbito. Subliñou que hai espazos de memoria "en todas partes" de Galicia e que o Estado debe actuar para corrixir a ausencia de lugares galegos na listaxe estatal, como si acontece noutras comunidades autónomas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta