Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 14:22
Os orzamentos da Xunta para 2025, que ascenden a 13.954 millóns de euros, foron aprobados este martes no pleno do Parlamento galego cos únicos votos a favor do PP, despois de non incorporar nin unha das 1.195 emendas parciais que chegaron a este último debate na Cámara autonómica. Con anterioridade a este pleno, durante a tramitación en comisión, o PP aceptou transaccionar unha emenda socialista para destinar medio millón nos orzamentos ao Museo da Romanización de Lugo.
Este martes, BNG e PSdeG votaron en contra do texto articulado do ditame da comisión, e abstívose o grupo mixto. Na votación conxunta dos orzamentos de todas as seccións e entidades públicas instrumentais (fóra das contas de Parlamento, Consello de Contas, Consello da Cultura Galega e Consello Consultivo), toda a oposición votou en contra. En concreto, para este último pleno quedaron pendentes de tramitación e foron votadas 1.195 emendas da oposición entre as referidas ao articulado do texto e as relativas ás seccións. Todas elas recibiron o 'non' dos populares: 548 do BNG (32 ao articulado e 516 ao estado numérico), 645 do PSdeG (63 articulado e 582 estado numérico) e dúas do mixto (estado numérico).
"OPORTUNIDADE PERDIDA"
Nunha primeira quenda de palabra, a socialista Elena Espinosa advertiu ao grupo maioritario de que "aínda" podían "rectificar", xa que tiñan "a oportunidade para dicir si" a algunhas das emendas da oposición. "Poden pensar en positivo, pensar en todos os galegos", subliñou. Pola súa banda, a nacionalista Noa Presas augurou xa neste momento "unha oportunidade perdida" porque o PP volvería "dicir non" ás súas propostas, ao entender que o Goberno galego "actúa de comercial de multinacionais" e elabora "uns orzamentos que non pensan nas necesidades de Galicia". O portavoz dos populares, Alberto Pazos, asegurou, do seu lado, que "Galicia será un ano máis", en 2025, "unha illa de estabilidade dentro das turbulencias" do Estado, e rexeitou o "mantra" das emendas da oposición, que "volve por Nadal".
TRAS A MANIFESTACIÓN "HISTÓRICA"
"Todos os días espertan despois de vivir unha manifestación histórica", ironizou Pazos, tras as alusións de Presas á multitudinaria manifestación do pasado domingo en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei. Nun segundo debate (o correspondente ás emendas ao estado de gasto das contas públicas), a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tomou a palabra e comezou aproveitando para reivindicar a marcha "en defensa da dignidade de Galicia". "Gañaremos esta batalla", prognosticou, antes de censurar uns orzamentos que, ao seu xuízo, "evidencian que o Goberno do PP non ten proxecto de futuro".
"Non entendemos por que o PP, un ano máis, nestes orzamentos tráelles carbón a eses nenos que necesitan apoio educativo", censurou, para criticar igualmente ao "PP do non" que tampouco "apoia ás persoas maiores", polo rexeitamento de emendas do Bloque nestes ámbitos. "Queren regalarlle 250 millóns de euros a Altri para que contamine, esa é a súa gran aposta", subliñou, despois de apuntar ás "empresas amigas" que, no caso da celulosa, "antes" era Ence e "agora" son "Ence e Altri". Previamente interveu o deputado do grupo mixto Armando Ojea, quen defendeu dúas emendas para reclamar investimentos para a provincia de Ourense.
A continuación, a popular Paula Prado cargou contra a oposición e valorou unhas "contas ilusionantes e realistas, avaladas polo cumprimento dos compromisos". "O lóxico sería que as emendas fosen nesa mesma liña, da estabilidade e o realismo. Con todo, un ano máis, comprobamos que a oposición vai no sentido contrario: as súas emendas son reflexo da inestabilidade dos partidos, debuxan unha fantasía imposible de levar á práctica", dixo. "Dificilmente poderían estar máis afastadas do que Galicia demanda nestes momentos", resolveu. No que á manifestación contra Altri se refire, Prado falou de "outros fins" diferentes á defensa do medio ambiente, e criticou o "radicalismo" e que a marcha deixase "a cidade chea de pintadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.