Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/02/2016 | Actualizada ás 09:00
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, comezou este xoves a vender en Galicia o pacto acadado pola súa formación e Ciudadanos en Madrid e pediulle a Podemos que diga se se sumará a este pacto.
“É a mellor forma que ten de amosar se a prioridade é a axenda territorial ou a axenda social", espetou ao criticar que esta formación non tiña "nin unha liña dedicada a Galicia" na proposta que lle entregou ao PSOE durante as negociacións.
O líder dos socialistas galegos suliñou que se trata dun "acordo para sacar a España da situación en que se atopa" e considerou que este "é o momento dun período de reformas cun goberno forte", uns cambios que deben responder ao que "pensa a maioría deste país" e por iso espera sumar "máis forzas políticas" para un "Goberno reformista e progresista".
"Terán que ser eles -Podemos- quen aclaren se a prioridade é a axenda territorial e non a axenda social", sinalou, e engadiu que "nada neste documento impide que se somen a un proxecto reformador" polo que mantén "a man tendida". Ademais, suliñou que este acordo recolle un "pacto lácteo", que beneficia a Galicia e criticou a Podemos que no documento que presentou este grupo "non apareza nin unha liña dedicada a Galicia".
Besteiro fixo estas declaracións na Coruña canda a secretaria federal de política municipal do PSOE, Adriana Lastra, que se reuniron este xoves con militantes desta cidade para tratar o contido dos acordos para formar goberno.
Un acordo que aínda teñen que ratificar as bases socialistas e que, segundo Lastra, aposta por "unha redistribución importante da riqueza", unha "nova lexislación laboral" e pretende “conseguir unha igualdade real entre españois e españolas".
"Puxemos encima da mesa o que consideramos transcendente e importante. Pódense sumar o resto das forzas de cambio e de progreso. Existen parecidos ao que levaban nos seus programas electorais. Temos a man tendida a Podemos, as súas confluencias, Esquerda Unida e outras forzas", destacou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.