Caballero presume de Vigo ante o mundo enteiro en Fitur: "Queremos ver á xente que nos visita tan feliz como son os vigueses"

"Poderiamos facer o Nadal só para nós, para a xente de Vigo, pero como imos privar ao mundo de que viva isto? Que todo o mundo poida ver a felicidade dunha familia e o brillo nos seus ollos cando están aquí e viven isto non ten prezo", proclamou o rexedor vigués.

Por Ángela Precedo | VIGO | 23/01/2025 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

Ser de Vigo non é un DNI, é un sentimento. Sentimento que non só experimentan os propios vigueses, senón tamén todas aquelas persoas que chegan por primeira vez ao concello e quedan prendados del a primeira vista. E non é para menos, porque Vigo é unha cidade única no mundo. O propio alcalde, Abel Caballero, así o asegurou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde a cidade presentou unha oferta turística envexable: praias, música, festas, natureza, xente, cultura, patrimonio, deporte e, como non, o xa mundialmente coñecido alumeado de Nadal, entre moitos outros atractivos. Despois de marcar outro Nadal de récord, con cifras de escándalo no que a visitantes se refire, a urbe coñecida internacionalmente polos seus máis de 11 millóns de luces LED e o seu carismático alcalde, conquistou tamén ao público asistente á feira no stand de Turespaña. Respaldando ao rexedor, tamén estiveron presentes entre os espectadores o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o subdelegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo

"Que ten Vigo? Vigo ten a cultura da tranquilidade, do sosego e da felicidade", proclamou Caballero, que tamén afirmou que "Vigo xera unha cultura coa xente que nos visita, que pasa por alí e que vén ao Nadal, ao verán ou a calquera evento que teñamos, mesmo a facer negocio e a tratar coas fábricas que temos". Con todo, o alcalde deixou ben claro que non quere que isto sexa algo pasaxeiro, senón que o obxectivo a lograr (algo que xa está acontecendo) é que "a xente que vén á cidade repita, porque en Vigo queremos a todo o mundo, porque a nosa forma de ser é cosmopolita universal". Tanto é así que, a pesar de que a globalización no mundo tal e como a coñecemos hoxe xurdiu hai cousa de 40 anos, non máis, en Vigo sorprendeu cando chegou, pois xa levaban sendo cosmopolitas dende había moitos anos, aínda sen sabelo: "Percorriamos todos os mares e aquí chegaba xente de todo o mundo. Esa foi e é a nosa cultura, a do aprezo á xente que nos visita; e iso é, seguramente, o máis excepcional que temos na cidade".

Caballero non esquece en ningún intre que, en realidade, canta máis xente visite Vigo, mellor lle irá á economía da cidade. "A visita de tanta xente tradúcese nunha economía poderosísima, estamos a falar de centos e centos de millóns de euros", apuntou, para remarcar que, máis aló dos cartos, "o que realmente queremos é ver á xente que nos visita sendo tan feliz como o é a xente de Vigo, porque en Vigo somos felices e queremos que os demais compartan a nosa felicidade, a felicidade da nosa cidade e das cousas que van acontecendo nela". E, sabedor de que o máis demandado da cidade no mundo enteiro é o seu Nadal, Caballero afirmou, gozoso: "Poderiamos facer o Nadal só para nós, para a xente de Vigo, pero, como imos privar ao mundo de que viva isto? Que todo o mundo poida ver a felicidade dunha familia e o brillo nos seus ollos cando están aquí e viven isto, non ten prezo". Deste xeito, o rexedor olívico gábase de que "somos quen, entre todos, de facer que a xente que nos visita viva a cidade co orgullo de que son dela tamén". 

Outra das cousas que puxo en valor da cidade é o afecto e o agarimo da súa xente cara os visitantes, porque, "que alguén che diga cando chega a Vigo que a súa felicidade é total e que quere volver o ano seguinte, iso si é un proxecto e unha realidade única: a realidade do afecto", pois reivindicou que "somos seres humanos e, como tal, vivimos de afectos". Máis aló do Nadal, e falando de afectos, puxo como exemplo a posibilidade que tivo calquera neno de competir contra un medalla de prata nas Olimpíadas nas festas do Marisquiño, en referencia ao venezolano Daniel Dhers, prata en Tokio 2020; ou un verdadeiro fan de gozar dun concerto de Maná en Castrelos, un concerto para o que en calquera outra cidade as entradas superarían os centos de euros, pero que en Vigo foi gratis. A todo isto, Caballero sumou a realidade gastronómica única que ten tamén a cidade: "Pagando moito, claro que se come ben en calquera sitio, pero co prezo que ofrece Vigo, só en Vigo". En resumo, son moitos os motivos non só para visitar Vigo, senón para volver. "Esa sensación de felicidade compartida" que tanto gusta aos vigueses e, especialmente, ao seu alcalde.

"TODO O MUNDO QUERE SER VIGO, PAÍSES ENTEIROS QUERERÍAN SER VIGO"

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo

Agora ben, despois de ter logrado todos estes fitos, pode Vigo seguir superándose no futuro? Caballero díxoo ben claro: "O ano pasado preguntáronnos o mesmo, e superámolo, fai dous anos, tamén, e este ano, tamén o faremos". Neste punto quixo exemplificar como o Nadal vigués se superou este ano chegando a cidades internacionais do talle de Nova York ou Londres. "Todo o mundo quere ser Vigo, países enteiros quererían ser Vigo, e o ano que vén será o nunca visto", prometeu, aínda sen anticipar nada, porque senón "rápido veñen alcaldes copiarnos, como o de Nova York, que axexa todo o que fago para copialo; ou algún de Cataluña, que copia todo o de Vigo, pero queda a moita distancia". "Todo o mundo intenta ser o que somos", dixo Caballero, pero reivindicando que "nós conseguímolo colectivamente". E lembrou como, dende a súa chegada ao Goberno local, conseguiu converter Vigo, unha cidade que hai cousa de 20 anos non existía para o resto do mundo, nunha imaxe de marca mundial á altura de Madrid e Barcelona. Sen esquecer tampouco que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a urbe olívica tamén é a cidade con maior calidade de vida do mundo. "Cando a xente nos ve, quere vir ver se é certo o que contamos; e, cando chegan por milleiros, vén que mesmo nos quedamos curtos co que contamos", chancea.

E é que os visitantes que chegan a Vigo quedan cos ollos coma pratos cando vén a variedade que ofrece a cidade a todos os niveis. Como o propio Caballero puxo en valor, tanto poden visitar un túnel escavado para facer fronte ás incursións navais dos séculos XVIII e XIX, en referencia aos túneles do Castro, que contan con ata 80 metros de profundidade; como subir a un ascensor de 50 metros cun Halo enriba equivalente ao tamaño dun campo de fútbol, tales son as súas dimensións; ou coller as ducias e ducias de ramplas mecánicas e ascensores que fan a cidade máis accesible para calquera veciño e visitante, construcións que noutro lugares cobrarían entrada, mentres que Vigo ponas a disposición de todos de maneira totalmente gratuíta. Mención destacada merecen tamén os marabillosos artistas que cada verán se soben ao escenario de Castrelos, un auditorio ao aire libre único no mundo, onde estiveron presentes cantantes de talle mundial como David Guetta, Aitana ou Luis Fonsi, entre moitos outros, sen custar un euro aos espectadores, correndo todo a conta do Concello. "Así é como combinamos recuperación da tradición con modernidade", asegurou o rexedor olívico, que presumiu dun Concello cunhas "finanzas moi sólidas".

Caballero tampouco se esqueceu de citar durante a súa promoción da cidade en Fitur ao Celta de Vigo, ao que, na súa consideración, "este ano as cousas vanlle moi ben". Asegurou que o estadio de Balaídos é unha obra sen precedentes, tal e como lle confesou a ex vicepresidenta do Goberno Nadia Calviño, "non hai nada igual, é unha xoia arquitectónica extraordinaria, porque cando ves Balaídos o que estás a ver é ao Guggenheim (museo de arte contemporáneo de Bilbao con numerosos recoñecementos ás súas costas) do fútbol". Ademais, anticipou que, "cando estea rematado, pasarán cousas...". Polo de agora, só cabe agardar e, mentres tanto, convidou a facelo desfrutando das múltiples festas que teñen lugar en Vigo durante o que noutros sitios se considera tempada baixa: "Bandas de música, orquesta sinfónica, teatro, cultura...", festas como a da Reconquista da vila e tantas outras que enchen un calendario imperdible mesmo fóra da tempada estival.

CONVITE Á ALCALDESA DE REDONDELA E AO ALCALDE DE NIGRÁN

Despois dun descurso que encheu de ledicia a todos os presentes, Caballero rematou cunha das súas icónicas frases: "O único que lamento é que o alcalde de Nova York non veña a Vigo, porque, se viñese a Vigo, sería tan feliz que, ao volver a Nova York, pediríame a irmandade". Nunha gala presentada polos xornalistas Paula Montes (Cadena Ser) e Luís García González (El Desmarque, de Mediaset), tamén tiveron cabida o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que puxeron en valor a sorte de ter a Vigo como concello irmá, sendo os tres unha única unidade litoral que se apoia e que se nutre mutuamente a nivel turístico, económico, social e cultural. "A Vigo e a Redondela únenos a senda verde e tamén a ría, a illa de San Simón e tamén as festas, como a do Choco ou a da Coca", destacou Digna Rivas. Pola súa banda, Juan González Pérez asegurou que "Nigrán ten algo mellor que Vigo, aínda que lle doia a Abel Caballero, e é que ten como cidade veciña á mellor cidade do mundo, Vigo, e iso para nós significa moitísimo".

Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid
Abel Caballero presenta a campaña turística de Fitur 2025 en Madrid | Fonte: Concello de Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

5 Pindo

Menos mal que aínda nos quedan as Deputacións para colocar ós nosos

4 paco

Ningún problema, en Lugo non hai que queixarse. Antes era Cacharro o grande colocador, os que se axoenllan diante da súa figura son recompensados. Agora temos un novo goberno provincial, onde o articulista ten parte, e se es sumiso a Gato Soengas -o señor de Monterroso- gañas beneficios, e se es da UPG que capitanea o Bao, comes quente e estas liberado do traballo. Seguimos igual de ben, o clientelismo é o dono de Lugo, e por riba non temos dereito a queixarnos (son os nosos os que gobernan). Felicidades Bao, mágoa que se está rematando a lexislatura e parece que non recuncades (mágoa para a vosa barriguiña, que moitos dos que hai catro anos apoiamos ao BNG non nos pillaredes de novo). Felicidades pola continuidade caciquil, e unha aperta para os asesores de cafetería aos que teredes que procurar outro choio.

1 cacharreiro

menos mal que en Ourense, A Coruña e Pontevedra non hai eses problemas de caciquismo

2 monte alto

Na Cruña repartense entre os biopartito os postiños, e cando se precisa mandan un asesor para lugo (de ferrolterra, para máis señas). E desde Ourense mandan, tamén para Lugo, a mesma irmá de Quintana "traballar" para a deputación. Estades emporcados, así que ide recollendo o que sementastes miserables aprendices de caciques do BNG!

3 Nambuangongo

Cala, Paco, que che vão chamar traidor e antipatriota. O sistema caciquil não o combatem (vivem dele), combatem quem o denuncia. Perderam o bipartito, e agora ainda continuam onde podem com a mesma merda, e sem fazer nenhuma oposição ao extermínio feijoísta porque acreditam que os imos sentar outra vez no poder como «mal menor» alternativo ao PP. Hoje estão no «quanto pior, melhor» colaborando com a destruição.

3 Cubano

A solución da UPG: chamar a Fidel para que arranxe isto...

2 Próculo

Ti si que non tes problema no mercado laboral á vista do teu currículo!

1 MacBert

O problema está precisamente na desmobilización das forzas produtivas. Dá a impresión de que, en xeral, xa lles vai ben o capitalismo selvaxe. E non descartemos que moitos empresarios favorezan o éxito da folga xeral con tal de sacar ao PSOE do goberno. É para que se faga mirar: cando o socialistas españois teñen que defender os intereses dos traballadores sempre optan polos intereses da patronal. Pero xa se sabe que a patronal prefire o PP. En fin, veremos os resultados da folga, pero vai ser moi difícil que o Goberno Zapatero recúe, porque a forza sindical tamén está en retroceso polos históricos cambalaches e renuncias. En fin, neghro, neghro.