Máis de 25 municipios de Ourense permanecen en alerta vermella por máximas de 42 ºC

Vilamartín de Valdeorras chega a 41.3 ºC. Queda suspendida a actividade deportiva na provincia de Ourense, o interior de Pontevedra e a montaña de Lugo.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/08/2025 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Un total de 27 municipios da provincia de Ourense, nas zonas de Valdeorras e o Miño, permanecen desde as 15.00 horas deste domingo ata as 21.00 en alerta vermella metereolóxica, coa posibilidade de alcanzar temperaturas superiores aos 42 ºC. Segundo adiantou esta semana a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, esta é a primeira vez durante este verán que se alcanza este nivel de aviso, por temperaturas máximas e nunha zona e día concreto, porque se supera o limiar de 42 ºC.

Non entanto, puntualizou que xa se deron avisos, dentro deste episodio de calor, desde o 30 de xullo, nalgunhas zonas de Galicia a nivel vermello para saúde pública, por temperaturas altas polo día e pola noite e pola súa duración. O plan de Sanidade mantén este domingo no máximo nivel a toda a provincia de Ourense e ao interior de Pontevedra. As máximas temperaturas do día en Galicia recolléronse todas na provincia de Ourense: en Vilamartín de Valdeorras, estación da Portela, alcanzáronse 41.3 ºC ás 16.40 horas; Verín, estación de Vilela, chegou a 40.2 ºC ás 18.10 horas, e a cidade de Ourense alcanzou 40.1 ºC ás 17.50.

Ademais, outros lugares da Comunidade permanecen en nivel laranxa. Este é o caso do sur de Ourense e Lugo, que esperan temperaturas superiores aos 39 ºC; o Miño de Pontevedra e a montaña de Lugo, onde os termómetros superarán os 37 ºC, e o interior de Coruña --unicamente entre Santiago e Melide--, onde a temperatura roldará os 37 ºC ou máis. Ademais, no interior de Pontevedra, o centro de Lugo e o noroeste e a montaña de Ourense están no nivel amarelo por temperaturas por encima dos 36 ºC. É o mesmo caso do noroeste da Coruña, onde puntualmente se chegará aos 34 ºC.

SUSPENSIÓN DA ACTIVIDADE DEPORTIVA

Ao mesmo tempo, en toda a provincia de Ourense e o interior de Pontevedra atópanse actualmente no nivel vermello de alerta dentro das actuacións establecidas para paliar os efectos sobre a saúde. Ademais, a montaña de Lugo está no nivel laranxa. En todas estas zonas, a Xunta determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior ata as 21.00 horas deste domingo. Quedan permitidas as actividades acuáticas, coa recomendación de que non se realicen nas horas centrais do día, é dicir, de 12.00 a 17.00 horas.

O interior de Pontevedra comprende as localidades de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Na montaña de Lugo, a alerta afecta a Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

Un home suxeita un colchón, a 5 de agosto de 2025, en Vigo
Un home suxeita un colchón, a 5 de agosto de 2025, en Vigo | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta