Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/03/2016 | Actualizada ás 10:00
A Xunta anunciou este mércores que devolverá o 50% da paga extra do 2012 en dous prazos; en abril e en setembro deste ano, xusto en período electoral. Así o anunciaron o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública nunha reunión que mantiveron cos sindicatos este martes.
“É doado prometer cando hai moitas probabilidades de non ser eles quen elaboren o próximo proxecto de Orzamentos Xerais e non se recolle en ningún acordo nin hai un compromiso certo”, critican desde CIG-Autonómica que ve neste anuncio unha nova medida electoralista xa que, é probable, que a devolución dese diñeiro coincida en época preelectoral; nun caso nunhas probables eleccións xerais e na outra nunhas eleccións autonómicas.
Tamén cualifican de electoralismo a insinuación, por parte do Goberno galego, de que a finais de ano poderían modificar, que non derrogar, a Lei de medidas temporais en materia de emprego público. “Deben pensar que lles imos facer publicidade gratuíta de promesas sen que se concreten en feitos”, ironiza.
“Dende a CIG consideramos que aos/as empregados/as públicos/as non se nos pode devolver a débeda salarial contraída pola Administración a golpe de campañas electorais”, denuncia. Neste sentido, lembra que hai un ano entregáronlle ao presidente galego un plan de renegociación da débeda salarial que recollía o 100% do Complemento Específico, e equivalente para o persoal laboral; un Soldo Base e Trienios en igual contía nas 14 pagas e aAs retribucións íntegras actualizadas polo IPC galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.