Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 17/03/2016 | Actualizada ás 14:12
A aposta de ANOVA para avanzar na consolidación da confluencia da esquerda é un partido instrumental. Así o deixou claro onte Xosé Manuel Beiras nunha Asemblea Aberta celebrada en Compostela.
O líder de anova argumenta que con está fórmula sería imposíbel que En Marea quedase sen grupo propio no Congreso, como sucedeu desta volta. O veterano político lembrou que no pacto entre ANOVA, EU e Podemos Galicia do que xurdiu En Marea xa se prevía a creación dun partido instrumental. Foi o atraso nas negociacións o que impediu a configuración do mesmo e que En Marea se presentase finalmente como unha coalición.
Agora ben, que é exactamente un “partido instrumental”? En realidade, non se trata máis que dun xogo de palabras. Na lexislación española non aparece recollida esta figura. Trátase só dunha denominación popular nos últimos anos entre os movementos de esquerda que implica a formulación dun partido político tradicional como ferramenta legal pero meramente formal para artellar electoralmente un movemento político.
Noutras palabras, a inscrición do partido En Marea no Registro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior non suporía a disolución dos outros partidos que fixeran parte del. Iso si, os prazos e formalidades para constituílos son maiores que os dunha coalición electoral, motivo polo que precisamente non chegaron a tempo de constituílo antes do 20D.
“Pasado o prazo, só se podía inscribir como coalición de partidos, e colleron ese pretexto para negarnos o grupo parlamentario, verdade? ¿Somos parvos ou queremos evitar que isto nos pase outra vez? Non ten máis importancia que esa”, argumentou Beiras ao fío das dúbidas expresadas por varios cargos de Podemos Galicia sobre convertir a En Marea nun partido.
En particular, Beiras fixo referencia as declaracións da deputada de Podemos por Pontevedra Ángela Rodríguez; pero lembrou que o número dous estatal, Íñigo Errejón, declarou que non lle ve problema á solución do partido instrumental. Con todo, cómpre lembrar que Podemos Galicia está en pleno proceso de primarias e que polo menos un dos candidatos, Breogán Riobóo, non está moi pola labor de repetir a coalición de En Mara nos mesmos termos.
Se a algúns militantes de Podemos Galicia a solución do partido instrumental lles pode parecer demasiado, a outros axentes interesados en entrar na confluencia pode resultarlles insuficiente. Cómpre lembrar que o Encontro Cidadán por unha Marea Galega -a plataforma que colaborou no nacemento de En Marea- aspira a que da confluencia naza unha organización de militancia individual, non que se permita -como sucede por exemplo no Bloque- que haxa dobre militancia, con partidos dentro dunha ‘organización paraugas’ ou fronte. Outros axentes, como o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mostráronse a favor do partido instrumental.
Mentres a esquerda debate que solución formal a adoptar, no Registro do Ministerio do Interior a denominación de En Marea segue sen rexistrar, o que abre a porta a que calquera a 'okupe'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.