As oposicións de Educación celebraranse o sábado 21 de xuño

Haberá un total de 1.664 prazas ofertadas, a maioría de acceso libre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2025 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Os exames da oferta pública de emprego (OPE) de Educación de 2025, que constará de 1.664 prazas de 50 especialidades distintas, celebraranse o sábado 21 de xuño. A Xunta destaca o "reforzo" que haberá para materias como Inglés (157 vacantes para mestres e profesores de Secundaria), Lingua Galega (77) e as relacionadas co ámbito STEM: Informática (124), Tecnoloxía (58) e Matemáticas (51).

Así o sinala o Goberno galego nun comunicado tras a celebración, este martes en Santiago, da mesa sectorial docente á que asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e representantes dos sindicatos CIG, CCOO, ANPE e UGT.

En total, a OPE --que será pola modalidade de concurso-oposición-- conterá 1.664 prazas, resultado de esgotar a taxa máxima de reposición do 120 por cento, establecida polos Orzamentos Xerais do Estado de 2023, os que hai actualmente en vigor. Das 1.424 de acceso libre, as de Secundaria --ESO e Bacharelato-- son 918, das cales 100 están reservadas para persoas con discapacidade.

O grupo máis númeroso son os profesores de Inglés, para os que haberá 104 postos, incluídos os reservados para discapacidade. Séguenlle os de Lingua e Literatura Galega, con 77 prazas; de Informática, con 62; Sistemas e Aplicacións Informáticas, con outras 62; e Tecnoloxía, con 58.

En canto ao corpo de mestres, a OPE incluirá 426 prazas en total, 53 delas para persoas con discapacidade. Hai 122 vacantes da categoría de Educación primaria e outras 79 de Infantil, a parte doutras especialidades como Inglés, con 53. Tamén cabe destacar, dentro do corpo de mestres, as 53 prazas convocadas en Audición e Linguaxe (Ao) e as 40 de Pedagoxía Terapéutica (PT).

No que respecta aos especialistas en sectores singulares de FP, ofértanse 80 postos, 10 deles para a quenda de discapacidade. Os grupos máis numerosos son os de Mantemento de Vehículos (19), o de Cociña e Pastelaría (17), e o de Mecanizado e Mantemento de Máquinas (15). Finalmente, a OPE complétase con 10 prazas de inspectores de Educación e outras 230 de promoción interna, para que profesores do corpo de Secundaria poidan pasar do subgrupo A2 ao A1.

CRÍTICAS DOS SINDICATOS

Sobre o decreto da oferta, os responsables sindicais consultados por Europa Press coinciden en criticar o "proceder" da Consellería de Educación coa mesa sectorial, a cal está "a limitar a unha mesa de opinión que non vale para nada" porque o documento xa lles chega "pechado", en palabras do secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello.

A central nacionalista reprocha á Administración que, aínda que a convocatoria está "limitada" pola taxa de reposición, está a ofertar vacantes nunhas especialidades pero non noutras que "reúnen os mesmos criterios": "Nós dicimos que ten que haber un criterio".

Así mesmo, a CIG pide que se acometan os cambios lexislativos necesarios "para cubrir as prazas de promoción interna", xa que a maioría quedan desertas todos os anos. Segundo os seus cálculos, este ano serán unhas 180.

En leste mesmo sentido pronúnciase Borja Campos, de CCOO, quen tamén reclama unha oferta maior e unha flexibilización do proceso, porque hai "600 e pico prazas estruturais que non teñen propietario". Tampouco ve suficientes os 93 postos de PT e Ao "con respecto aos últimos anos".

Por parte de ANPE, o seu presidente en Galicia, Julio Díaz, coincide no "gran problema" que ocorre todos os anos de prazas que quedan baleiras na OPE. Neste sentido, pide á Xunta que diga aos membros dos tribunais que "ten que haber un verdadeiro concurso-oposición" e que deixen aos aspirantes pasar o primeiro exame para que se lles aplique o baremo correspondente á fase de concurso. Ademais, reclama recuperar o anonimato da primeira proba.

CCOO e ANPE tamén demandan que se convoquen ao redor dun milleiro de prazas a maiores correspondentes á taxa de reposición de 2022, que "non se ofertou" porque se realizaron os procesos de estabilización. "Estamos a perder profesores funcionarios de carreira", advirte Borja Campos.

DECRETO DE FORMACIÓN PERMANENTE

A maiores, os representantes da Consellería de Educación e os sindicatos analizaron texto do anteproxecto de decreto de formación permanente do profesorado, que ten o obxectivo de "actualizar e axustar" este ámbito ás necesidades do século XXI.

A misión principal é poder "anticiparse aos rápidos cambios" que se producen en campos como a dixitalización, a intelixencia artificial, a internacionalización e o incremento da multiculturalidad nas aulas, entre outros. Para darlles resposta, ponse acento en fomentar a investigación e a innovación educativa.

Entre outras novidades, incorpóranse dúas novas modalidades de formación: os proxectos de innovación educativa, dirixidos a un centro como unidade para facilitar a introdución de cambios novos coa intención de mellorar os procesos de ensino; e os proxectos de investigación, dirixidos a grupos de docentes, que teñen como obxectivo buscar e xerar solucións a problemas ou preguntas expostas.

Tamén se crea unha nova estrutura denominadas "comunidades de observación e aprendizaxe". Estarán contextualizadas ao redor de colectivos docentes específicos reunidos cun fin formativo concreto.

Ademais, favorecerase a substitución xeracional para ser asesor ou director dun centro de formación e recursos ou do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). En concreto, limitarase o número de anos que o persoal --sempre funcionario de carreira-- poderá ocupar estes postos.

SEXENIOS E COMPLEMENTO DE TUTORÍA

Por outra banda, a CIG denunciou este martes nun comunicado --e expúxoo na mesa sectorial-- que a Xunta non está a aplicar como debería as subidas salariais recollidas no acordo de outubro de 2023, que o sindicato nacionalista non asinou pero si as restantes centrais.

Aquel acordo contemplaba subidas do 20 por cento, tanto nos sexenios como nos complementos de tutoría, a aplicar paulatinamente: un 10 por cento desde o 1 de xaneiro de 2024 e outro 10 por cento desde o 1 de xaneiro de 2025.

Neste contexto, a CIG critica que, ao revisar a orde de confección de nóminas para 2025, o aumento materializado non é un 10 por cento sobre o salario actualizado de 2024, que xa contemplaba o 10 por cento anterior, senón sobre o de 2023.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reúnese coa Mesa Sectorial Docente
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reúnese coa Mesa Sectorial Docente | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta