Pontevedra, entre as provincias nas que máis aumentou a concentración bancaria entre 2019 e 2023

Funcas sostén que este incremento non implica unha redución da competencia porque entran novos operadores dixitais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/02/2025 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Pontevedra sitúase entre as dez provincias nas que máis aumentou a concentración de sucursais bancarias nas cinco principais entidades financeiras con presenza física entre 2019 e 2013, con 6,12 puntos porcentuais, segundo un estudo de Funcas. Funcas observa unha "crecente concentración" no sector bancario que, con todo, non implica "necesariamente" unha diminución da competencia, posto que están a entrar novos operadores dixitais que aumentan a oferta, segundo recolle o 'Estudo sobre o sector bancario español: estrutura operativa, cambio tecnolóxico e transición verde' que presentou e publicou este xoves.

Na listaxe da variación da concentración de sucursais bancarias, Lugo e Ourense figuran no segundo grupo, daquelas provincias en que o repunte da concentración (no período 2019-2023) é de entre 2 e 5 puntos porcentuais. En concreto, na primeira foron 3,49 puntos e na segunda, 3,36. Por último, na Coruña o crecemento da concentración foi menor e déixaa no terceiro dos grupos, o daquelas provincias onde o aumento foi de entre 0 e 2 puntos porcentuais (1,77).

O INFORME

O informe resalta que a estrutura operativa dos bancos cambiou "drasticamente", cunha "notable redución" no número de sucursais e unha tendencia cara á concentración do mercado, especialmente da oferta. En concreto, explica que, tomando a presenza de sucursais a nivel provincial, en 37 das 52 provincias de España produciuse un incremento da concentración entre 2019 e 2023. O aumento desta concentración, é dicir, a maior redución de sucursais, foi especialmente notable en zonas con menor crecemento económico e caída da poboación: Almería (14,29 puntos porcentuais), Cáceres (10,78 puntos porcentuais) e Xaén (8,29 puntos porcentuais).

Unha persoa sostén unha pancarta durante a manifestación contra o peche de oficinas da entidade Abanca ante a sede de Abanca na Coruña, a 2 de setembro de 2021, na Coruña
Unha persoa sostén unha pancarta durante a manifestación contra o peche de oficinas da entidade Abanca ante a sede de Abanca na Coruña, a 2 de setembro de 2021, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta