Que papel xoga a cidadanía no planeamento urbano? Pode participar e opinar sobre as licenzas de obras?

"É un pouco inxenuo pensar que, por moitos medios e por moitos datos informáticos que manexen os gobernantes, van coñecer a realidade máis que as persoas que viven nas rúas e nas prazas da cidade e que teñen nela os seus traballos e as súas necesidades", di o catedrático da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) Agustín Hernández Aja. Lamentablemente, semella ser o escenario no que nos atopamos actualmente.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha cidade non sería nada sen as persoas que a habitan, que lle dan vida e que a fan medrar e prosperar. Sen embargo, cando as 'altas esferas' falan de planeamento urbano, semella que tomasen as decisións en función de criterios abstractos e, en moitas ocasións, pouco transparentes que responden aos intereses dunha minoría. Chega con pensar naquel día en que camiñando pola mesma rúa de sempre de súpeto te atopaches cunha obra que non sabías nin que se ía facer a poucos metros da túa casa, ou naqueloutro no que enfronte do teu traballo comezaron a construír un edificio que non tiñas nin idea de para que era. Seguramente tampouco lle deches maior importancia a estes episodios, pero si a esoutro no que as inesperadas obras nunha céntrica estrada che obrigaron a desviarte e chegar máis tarde do debido ao traballo. Estes son só algúns exemplos que demostran o impacto que ten o planeamento urbano na vida das persoas e, ao mesmo tempo, o pouco que se informa aos cidadáns dos cambios que se van producir na cidade. Dende o Galicia Confidencial falamos co catedrático da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) Agustín Hernández Aja, conferenciante no ciclo 'Territorios análogos' organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que nos ilustra sobre esta problemática.

Ttraballador autónomo nunha obra da construción
Ttraballador autónomo nunha obra da construción | Fonte: Europa Press - Arquivo

"A participación cidadá é necesaria na elaboración e xestión do planeamento urbano", asegura Hernández Aja, que afirma que "a construción da cidade é unha construción colectiva e, como tal, necesita do coñecemento, da participación e da asunción dos problemas por parte de todos e todas". Así, chama a atención sobre unha falsa idea que moitas veces teñen os que gobernan nas cidades: "É un pouco inxenuo pensar que, por moitos medios e por moitos datos informáticos que manexen, van coñecer a realidade de verdade máis que as persoas que viven nas rúas e nas prazas da cidade e que teñen nela os seus traballos e as súas necesidades". Deste xeito, para o catedrático da UPM, a participación ten un dobre obxectivo. Por unha banda, "un obxectivo egoísta para os redactores dos plans e dos proxectos que é saber o que acontece na cidade para tomar decisións que estean sustentadas na realidade, realidade que non se pode chegar a coñecer se non se pregunta por ela aos cidadáns", e, pola outra, "un obxectivo político, porque o máis importante á hora de facer un planeamento de cidade é facer un espazo óptimo para a vida dos seus cidadáns, polo que deberían ser eles os que decidisen como queren que sexa".

"NA TRANSICIÓN A CIDADANÍA ESIXIU E CONSEGUIU COUSAS; NOS ANOS 90 E 2000 E NA ACTUALIDADE, A PARTICIPACIÓN QUEDA LIMITADA A SALVAR O LOGRADO"

Fronte a este modelo de planeamento urbano tomando en conta a participación cidadá, cal é a realidade actual que nos atopamos na maioría das cidades? Hernández Aja explica que, dun xeito ou doutro, "a cidadanía sempre participa do planeamento da cidade, aínda que non queira, se non se opón frontal e decididamente". E é que "aínda que tendemos a falar de participación unicamente cando tomamos unha acción decidida para cambiar algo que pensamos que podería mellorar a nosa calidade de vida, tamén hai que ter en conta outra forma de participación". Así, exemplifica que "todos conducimos pola esquerda ou pola dereita, pagamos os nosos impostos, levamos o lixo aos colectores... Todos estes xestos supoñen tamén unha participación na cidade, unha participación difusa e basal, pero que evidencia que aceptamos o funcionamento actual das cousas".

Aínda que para o catedrático da UPM habería outra forma de participación que hoxe en día é residual, por non dicir practicamente inexistente, e que é a institucional. "Nos anos 70 e 80 houbo unha auténtica participación en lugares como o Parlamento pola irrupción da Transición política na que a cidadanía pediu transformar a política, esixindo cousas; pola contra, xa nos anos 90 e 2000, coa chegada dos gobernos conservadores e as políticas neoliberais, e mesmo agora, a participación da cidadanía queda limitada a salvar cousas, a salvar o logrado: que non nos quiten a sanidade, que non nos estraguen un parque...", lamenta. Deste xeito, Hernández Aja considera que "os concellos e os redactores dos documentos do plan urbanístico non souberon manter a tensión desa participación cidadá e, actualmente, convertiron esa participación simplemente nun proceso máis, de tipo burocrático, polo cal se saca a información do plan ao público cunhas decisións xa tomadas por alguén que non é nin representa ao conxunto da cidadanía". Así as cousas, "só cando hai moita axitación social se recibe aos veciños para falar sobre cambiar certos aspectos do plan", apunta.

Vista xeral de obras de vivenda nova
Vista xeral de obras de vivenda nova | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

"ADOITAN INFORMAR Á CIDADANÍA DO PROXECTO CANDO XA ESTÁ FEITO O PLAN, NON PREGUNTAN QUE TAL LLE PARECERÍA PREVIAMENTE Á REDACCIÓN"

Cal é o problema de actuar deste xeito? Para o catedrático da UPM os problemas neste senso son múltiples. Por unha banda, "os redactores e aprobantes do plan non se enteran ben de se o que están a facer é útil para a cidadanía e para o seu futuro", e, pola outra, "a xente vaise atopar anos despois con algo que non é o que agardaban, que non lles gusta nin desexaban". A realidade é que aínda que os proxectos actualmente se someten a información pública, a maioría da xente non sabe o que é este mecanismo nin para que serve nin como empregalo. Ademais, tamén ocorre que, directamente, "adoitan informar á cidadanía do proxecto cando xa está feito o plan, non preguntan que tal lle parecería á cidadanía facer isto ou isto outro, senón que xa chegan cun proxecto redactado e llo ensinan". Logo é cando de aí derivan desgrazas como que unha obra remate cun arboredo, por exemplo. "Non existen mecanismos nin políticas que fagan que o proxecto, as ideas e o futuro da cidade se consensúe", lamenta Hernández Aja.

E, no caso de que se chamase a alguén a participar da xestación e redacción dun proxecto, lamenta que "estase chamando ao que se coñece como 'gobernanza', é dicir, aos axentes con poder", e, lamentablemente, "a cidadanía ten pouco poder, porque as asociacións de veciños e semellantes non son moi importantes e perderon moita forza nos últimos anos, non tendo xa o mesmo peso que nos anos 70 ou 80". Quen aparece pois para opinar? "Promotores inmobiliarios, empresarios, donos de pisos turísticos e Airbnb... E xa se organizan entre eles porque teñen claro os obxectivos que deben defender para o ben do seu negocio". Así, aínda que eles tamén son axentes que teñen dereito a participar nos plans, para Hernández Aja "o problema é como equilibrar a participación dos que teñen os intereses económicos directos sobre os plans cos daqueles que teñen uns intereses cidadáns de proxección de vida e de futuro na cidade, máis difusos e máis complexos, porque se carece da información suficiente".

"O PROBLEMA CHEGOU DESPOIS DA TRANSICIÓN, CANDO OS DIRIXENTES VECIÑAIS PASARON DE SER VECIÑOS A SER CONCELLEIROS OU RESPONSABLES POLÍTICOS"

Así mesmo, nunha fase posterior, unha vez xa aprobado o plan por todos os axentes que se van ver afectados, entraría o concepto de transparencia, que pasa "porque o cidadán saiba ou poida ver como se xestou o proxecto, como e a quen se lle adxudicou, que intereses pode ter esa persoa nel, por que se lle concede a esa empresa e non a outra...". E tamén a transparencia debería estar presente no seguemento da execución da obra, pois "hai multitude de modificacións que non se nos informan normalmente", cando en verdade deberían informarse. "Non existe a obriga de que nos salte no móbil un aviso de que en tal plan da cidade de Coruña se van incluír 100 vivendas máis das inicialmente previstas, ninguén nos avisa diso, ou de que nun proxecto se quitaron árbores, ou de que a empresa á que se adxudicou o proxecto non é a máis barata pero houbo outros criterios que pesaron na toma da decisión...", exemplifica o catedrático da UPM.

Entón, como se poderían mellorar as cousas de cara ao futuro? Para Hernández Aja é preciso "reconstruír". Así, apunta a que "o que se viviu durante a Transición foi interesante, porque a presión de todos os grupos sociales e asociacións veciñais para reclamar o dereito á cidade levou a que se conseguise", pero o problema veu despois, cando "os dirixentes veciñais pasaron de ser veciños a ser concelleiros ou responsables políticos e entraban pensando que eles xa sabían o que había que facer, porque viñan de moi preto dos veciños". Pero "a ninguén se lle ocorreu que eses instrumentos de participación que eles reclamaban deberían reconstruírse, de maneira que se adicaron máis a executar as ideas que tiñan que a crear uns novos mecanismos de participación, máis eficaces". "Imaxinar unha cidade no seu conxunto require tamén de que os nosos propios responsables políticos se dean conta de que están construíndo unha cidade para o futuro", asevera o catedrático da UPM, que exemplifica que, no caso de Madrid, "hai 57 concelleiros, e como 57 concelleiros van ser máis listos que 3 millóns de habitantes?".

Planeamento urbanístico
Planeamento urbanístico | Fonte: UNIR - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta