Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/04/2016 | Actualizada ás 12:00
O presidente da Confederación de Autónomos y Profesionais de España (CAYPE) deu onte a súa versión do investigado na Operación Zeta. Eliseo Calviño é un dos investigados neste caso de suposta fraude masiva de subvencións á formación, xunto con varios ex-altos cargos da Consellería de Traballo e o presunto cerebro da trama, Gerardo Crespo, fundador do Grupo Azetanet.
Calviño asegurou que “non coñecía a Gerardo Crespo ante da contratación” e que “decidinme a contratar a Gerardo Crespo malia que había outras [ofertas] porque recomendáronmo na Xunta de Galicia”. Nunha rolda de prensa na Coruña acompañado do seu letrado Xosé Antón Pérez Lema declarou que “claro que tiñan relación porque Gerardo Crespo era un señor que estaba integrado absolutamente no Partido Popular”.
Que o empresario e líder veciñal é militante do PP non é noticia. Hai meses que o propio Crespo alardea de tal condición, a modo de advertencia á cúpula conservadora.
Si que pode ser relevante xudicialmente que o responsábel de Confederación de Autónomos y Profesionales de España (CAYPE) diga que contratou a Azetanet por recomendación da propia Xunta. Cómpre lembrar que a Xustiza investiga, gracias á confesión de dúas ex-empregadas de Azetanet, como ducias de empresas e asociacións defraudaron axudas xustificando cursos subvencionados que en teoría impartía Azetanet, cursos que en realidade ou non se facían ou se facían en parte.
CAYPE e Azetanet teríanse repartido deste xeito 2,8 millóns de euros en axudas de xeito fraudulento, coa suposta colaboración ou polo menos omisión da obriga de vixilancia por parte da Xunta. O xulgado número 6 da Coruña sospeita de feito que CAYPE creouse expresamente para defraudar subvencións.
O xulgado coruñés, ante o volume do presunto fraude de CAYPE remitiu este caso nunha peza separada á Audiencia Nacional. Calviño nega calquera irregularidade, asegura que os cursos si se fixeron e xustifica detalles como que estivese contratada como profesora a súa muller. Admite erros administrativos por valor de 450.000 euros e xustifica o seu salario, de 4.500 euros ao mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.