O Centro de Innovación Aeroespacial xa ten o seu espazo

O Cinae xa está instalado en Nigrán, no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial de Porto do Molle, e nel poderán traballar até 300 investigadores.

Por GC Emprende | Vigo | 11/04/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae, xa dispón dun espazo propio para desenvolver a súa actividade. Coa Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca como membros fundadores, e a participación no seu padroado das empresas e entidades privadas Airbus, Consorcio Aeronaútico Gallego (CAG), Deltavigo e a Unión de Empresas Gallegas de Aeronáutica (Udega), este “protocentro tecnolóxico”, chamado a convertese no principal foco de innovación e desenvolvemento do noroeste peninsular para o sector aeroespacial, conta xa cun espazo no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial de Porto do Molle, en Nigrán.

Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, en Porto do Molle, Nigrán
Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, en Porto do Molle, Nigrán | Fonte: DUVI.

No inmoble de máis de 6.000 metros cadrados, promovido por Zona Franca e o Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa, Incyde, o Centro de Innovación Aeroespacial, que será o único de Galicia coa especificidade que precisan os sectores aeronáutico e aeroespacial, compartirá espazo cun viveiro de empresas tecnolóxicas, así como con empresas privadas, e poderá acoller até 300 investigadores.

Músculo para o sector aeroespacial galego

Javier Collado, director xeral da Fundación Incyde, destacou na súa inauguración, o pasado venres, que este novo espazo, "froito da unión de todos, non é o final dunha obra, senón o inicio dun proxecto”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Cinae, Salustiano Mato, amosou a súa disposición a traballar para encher de talento o novo edificio deste proxecto, “que quere achegar músculo ao incipiente sector aeroespacial galego”.

Mato, que agradeceu a implicación de Airbus, asegurou que a Universidade de Vigo “quere ser motor e alimentar este centro e as súas incubadoras con iniciativas como as que vimos desenvolvendo”, contando coa colaboración de entidades de referencia como a Axencia Espacial Europea.

Unha das salas do Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae
Unha das salas do Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae | Fonte: DUVI.

Grao en Enxeñaría Aeroespacial

O presidente da Xunta de Galicia foi o encargado de pechar o acto de inauguración do edificio, no que tamén tomaron a palabra os alcaldes de Vigo, na súa condición de presidente do Pleno do Consorcio da Zona Franca, Abel Caballero e o de Nigrán, Juan A. González, e a subsecretaria do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, Pilar Platero.

Caballero amosou a súa satisfacción por un proxecto global que amosa “que estamos nun territorio no que somos quen de facer calquera cousa”, mentres que Juan A. González augurou “mil primaveras máis para o polígono de Porto do Molle”. Pola súa banda, Pilar Platero incidiu na importancia da fusión público-privada para desenvolver iniciativas coma esta que asegurou “é unha realidade e non un proxecto”. 

O presidente da Xunta, que comezou o seu discurso apuntando a incompatibilidade que existe entre a innovación e o cortoplacismo e a improvisación, insistiu na necesidade de que as administracións xeren confianza e un ecosistema innovador, no que ademais de reter e recuperar o talento investigador perdido, se reforcen os centros universitarios e tecnolóxicos. Neste sentido, Feijóo, destacou que “a Universidade de Vigo plantexou de xeito intelixente o Grao en Enxeñaría Aeroespacial que será impartido no campus de Ourense”, unha titulación que o presidente da Xunta considera unha peza máis no grupo de centros neurálxicos no proceso de construción dun novo sector económico, o aeroespacial, e que completan Nigrán, Vigo e As Rozas.

O presidente da Xunta reiterou a aposta da súa administración por facer de Galicia un referente europeo no ámbito aeroespacial, que xerará emprego cualificado, ademais de exercer un potente efecto de arrastre noutros sectores. “Galicia ten a ocasión de construír un novo sector económico”, dixo Feijóo, que parafraseando ao Nobel de Literatura André Gide asegurou que “hai que afastarse da costa para facer máis cousas”, informan Mª del Carmen Echevarría e D.Besadío.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta