Por Galicia Confidencial | | 18/04/2016 | Actualizada ás 09:00
O porco bravo galego tamén terá a súa icona nas sinalizacións de tráfico. A Xunta anunciou que procederá a "sinalizar algunhas estradas" con advertencias sobre o risco de accidente ante a proliferación de xabaríns ou outros animais salvaxes.
Segundo informou a directora xeral de Conservación da Natureza do Goberno autonómico, Ana María Díaz, a medida será preventiva mentres está pendente de elaborar un plan de control sobre o xabarín.
E é que segundo dixo en sede parlamentaria, os accidentes que se teñen contabilizado por mor deste animal teñen que ver coa busca de comida xa que acoden a explotacións agrícolas e a zonas habitadas para alimentarse porque non a atopan noutras áreas menos habitadas. Unha situación que está provocando "problemas de convivencia" entre a sociedade e a fauna salvaxe.
Pero, polo momento, "non hai un plan de protección do xabarin, un animal do que se rexistra "un descenso de poboación" debido, en parte, ao incremento da caza. De feito, na tempada de caza 2007-2008 houbo un total de 7.400 porcos bravos mortos e o ano pasado houbo 14.000 exemplares, é dicir case o dobre.
Unha situación que non pasa co lobo, segundo a Xunta, porque os problemas entre este animal e home se “solucionaron” co establecemento dun plan de protección dese animal que conseguiu estabilizar en preto dun centenar o número de mandas censadas e establecer axudas a granxas afectas por ataques.
Nese sentido, indicou que a Xunta está pendente de pagar con atraso as indemnizacións previstas por centos de explotacións vítimas de ataques de lobos ao gando. Sinalou que en 2014 houbo reclamacións por preto de 162.000 euros e en 2015 por uns 179.000 euros, polo que a Xunta deberá ampliar o orzamento previsto inicialmente de 360.000 euros.
Con todo, apuntou que non está prevista este ano ningunha modificación dos baremos do pago de indemnizacións aos gandeiros, aínda que engadiu que "en 2017 esperamos ter eses prezos actualizados e a zonificación revisada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.