O PSOE propón incorporar a protección das linguas minoritarias á Axenda 2030 da ONU

A iniciativa busca preservar o galego, o catalán e o éuscaro como parte da diversidade cultural mundial

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2025 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Socialista anunciou que levará ao Pleno do Congreso dos Deputados unha proposición para que o Goberno de España impulse ante a ONU a inclusión da protección das linguas minoritarias, como o galego, o catalán e o éuscaro, como parte dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030.

Linguas en extinción
Linguas en extinción

A iniciativa chega coincidindo coa celebración, o vindeiro 21 de maio, do Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Segundo os socialistas, a diversidade lingüística representa "un dos elementos máis relevantes da diversidade cultural" e consideran necesario recoñecela e protexela nun contexto global marcado pola "crecente polarización" e a proliferación de discursos que, ao seu xuízo, "utilizan as linguas como armas de confrontación".

A proposta insta o Executivo español a traballar en coordinación coas Nacións Unidas para que se recoñeza a necesidade de preservar e consolidar as linguas minoritarias como parte do patrimonio cultural da humanidade, destacando o papel destas na construción de sociedades máis xustas e inclusivas.

No texto, os socialistas lembran que entidades como a Universidade do País Vasco e Unesco Etxea xa exploraron esta posibilidade, formulando incluso a creación dun Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 18 dedicado especificamente á diversidade lingüística, unha proposta que chegou a trasladarse formalmente á ONU.

Desde Galicia, esta medida suporía un novo respaldo institucional ao galego, no marco dun debate sobre a súa proxección internacional e o seu estatus de protección fronte ás linguas dominantes. O PSOE defende que o recoñecemento internacional axudaría a "garantir o seu futuro e normalizar o seu uso en todos os ámbitos".

A formación insiste en que a aprendizaxe das linguas hexemónicas non debe producirse en detrimento das minoritarias, senón que cómpre crear espazos reais para a súa supervivencia e desenvolvemento, tanto no plano educativo como na cultura e na vida pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta