Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2025 | Actualizada ás 13:28
Veterinarios e veterinarias mobilizáronse este mércores ante a Delegación do Goberno, con sede na Coruña, e ante as subdelegacións noutras provincias, para expresar o seu rexeitamento á nova normativa que regula a prescrición e o uso de medicamentos para animais. Foi no marco dunha xornada con protestas a nivel nacional para demandar que se respecte o seu criterio clínico na administración de fármacos e esixir ao Goberno unha reunión "urxente" para abordar solucións que sexan, argumentan, "reais e efectivas".
Tratouse dunha nova mobilización no marco das que están a levar a cabo contra a nova regulación sanitaria, en concreto pola aplicación do Real Decreto 666/23, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e que, entre outras cuestións, modifica o proceso a seguir en canto á prescrición de antibióticos, ademais doutros requisitos en relación á comunicación dos datos de prescricións veterinarias de antimicrobianos.
En declaracións a Europa Press, Olalla de Hoyos, unha das integrantes do grupo de traballo creado no Colexio de Veterinarios da Coruña, explicou que se trata dunha regulación que afecta tanto a grandes animais como pequenos e que se enmarca nunha medida a nivel europeo para frear a resistencia aos antibióticos.
Con todo, sinalou que en España se lles esixirán novos requisitos en relación á administración dos mesmos, fronte ao criterio doutros países comunitarios, e sen que, sostén, "se respecte" o seu criterio clínico. Así, apuntou que antes decidían "se era necesario ou non facer un cultivo" previo á administración dun antibiótico e que agora serán "obrigatorios" para poder administrar o fármaco que eles determinen.
"Se chega un can cunha ferida profunda, terá que esperar entre sete e dez días para darlle o antibiótico", asegurou en relación ao prazo de espera do cultivo cando, segundo argumentou, o que defenden é que se lles deixen aplicar os seus coñecementos para valorar a necesidade ou non do mesmo
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.