Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/03/2025 | Actualizada ás 18:14
Un octoxenario aceptou unha condena dun ano de prisión --aínda que non entrará no cárcere ao non contar con antecedentes-- por ofrecer diñeiro a unha nena de 10 anos para que subise ao seu coche e lle dese un bico. O home, que no momento dos feitos tiña 87 anos de idade, recoñeceu a comisión dun delito de corrupción de menores polo que tamén deberá indemizar con 1.000 euros á vítima, coa que non poderá comunicarse nin achegarse a menos de 250 metros durante dous anos e medio.
Segundo consta na sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, emitida o 26 de novembro de 2024 e que é firme, os feitos ocorreron na tarde do 13 de xaneiro de 2023. O ancián pasou á beira dun banco onde estaba a menor, que tiña 10 anos de idade, e "coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual" ofreceulle entre 10 e 50 euros a cambio de que se subise ao seu vehículo para bicala. A nena non accedeu e o home abandonou o lugar. Días máis tarde, o 23 de xaneiro, a nai da vítima presentou unha denuncia ante a Garda Civil.
Durante o xuízo, o acusado recoñeceu os feitos e consignou 1.000 euros en concepto de danos morais á menor. Así, aceptou un ano de cárcere, pero ao carecer de antecedentes suspenderáselle a pena a condición de que non delinca durante outros dous anos nin quebrante a prohibición de comunicarse ou achegarse a ela. Para impor a pena, os maxistrados apreciaron a atenuante de reparación do dano --xa consignara a cantidade da indemnización-- e de confesión dos feitos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.