Expulsado de xeito definitivo ao edil do PSOE que deu a Alcaldía ao PP en Outes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2025 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

A Comisión Executiva Federal do PSOE expulsou de maneira definitiva ao seu concelleiro en Outes, José Antonio Caamaño, despois de que o pasado mes de febreiro votase a favor da moción de censura que permitiu que Francisco Calo, do PP, obtivese a Alcaldía do municipio.

Nun comunicado, a dirección provincial do PSdeG-PSOE confirma que Ferraz acaba de resolver a expulsión que anteriormente decidira de maneira provisional, a través dunha resolución asinada polo secretario de Organización do partido, Santos Cerdán.

O instrutor do expediente rexeita as alegacións de Caamaño por consideralas "innecesarias e impertinentes, encamiñadas unicamente a dilatar a instrución do expediente, sen que a súa práctica poida resultar determinante respecto ao feito da subscrición (e posterior apoio) da moción de censura sen que exista autorización expresa dos órganos competentes do Partido".

Ademais, o documento enumera as veces que o agora concelleiro expulsado foi notificado da apertura do expediente, tanto por burofax como por correo electrónico, para advertir que "non pode prosperar" a súa alegación de indefensión, porque, ademais, os feitos "eran públicos e notorios".

En calquera caso, contra esta decisión, o edil aínda pode interpor un recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE. Ante esta resolución de Ferraz, o secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, lembra que o concelleiro de Outes adoptou a decisión de apoiar a moción de censura do PP "sen ningún tipo de consulta" ao partido nin de aprobación por parte de instancias superiores nin da agripación socialista local.

Pleno de debate da moción de censura de Outes
Pleno de debate da moción de censura de Outes | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta