Cantos arroaces hai nas Rías Baixas?

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños desenvolve un proxecto de monitorización destes cetáceos para cuantificar os exemplares e mandas, e descifrar o seu proceso de renovación poboacional.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/04/2016 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) deu comezo este luns, 25 de abril, a unha nova campaña marítima dentro do proxecto 'Monitorización dos arroaces das Rías Baixas, TTRE16RB'. A campaña marítima empezou coa solta das amarras na madrugada do día 25 na ría e Vigo e alcanzará a ría de Arousa o mércores, voltando despois ao punto de orixe.

Investigadores da CEMMA, na campaña de monitorización dos arroaces nas Rías Baixas, a bordo do barco 'Bahía de Nergha'
Investigadores da CEMMA, na campaña de monitorización dos arroaces nas Rías Baixas, a bordo do barco 'Bahía de Nergha' | Fonte: CEMMA.

Para levar a cabo o estudo conformouse un equipo de especialistas experimentados dirixido por José Antonio M. Cedeira, biólogo e presidente da CEMMA, a bordo do veleiro 'Bahía de Nergha'.

Unha das principais actividades deste proxecto é realizar mostraxes centradas no estudo do arroaz nas augas das Rías Baixas. Segundo explican os propios investigadores, o Tursiops truncatus —o máis común dos golfiños— é a especie de cetáceo que vive máis preto das nosas costas.

O obxectivo é a cuantificación do número de mandas e de exemplares que usan as Rías Baixas na súa vida diaria. Segundo os cientiíficos da CEMMA, as últimas investigacións indican que as rías son utilizadas por mandas de arroaces chamadas “de gardería”, xa que son os grupos nos que as femias paren e crían aos seus cachorros ata a adolescencia. Cumpridos os tres anos, os arroaces abandonan as mandas e diríxense a outras áreas da plataforma continental para alimentarse.

MÉTODO DE ESTUDO

Nas labores de investigación estanse a recoller datos de avistamentos, comportamento e fotografías para cuantificar o número de exemplares e rexistralos individualmente para saber quen compoñen as diferentes mandas. A CEMMA ten rexistrados exemplares identificados polas aletas dende hai 16 anos e nas súas bases de datos constan máis de 400 cetáceos diferentes. Ademais, estanse realizando gravacións acústicas dos sons para estudar o seu comportamento.

Dous arroaces identificados na Toxa
Dous arroaces identificados na Toxa | Fonte: BDRI.

Esta investigación pretende delimitar o estado actual dos grupos para tratar de descifrar o proceso de renovación poboacional a partir de que, no mes de xuño, comecen a nacer os cachorros. Segundo os rexistros da CEMMA, anualmente morren entre 25 e 40 arroaces na plataforma continental galega; agora, os investigadores tentan averiguar cantos nacen para estudar a taxa de renovación. "Ata o de agora, non nos consta que a poboación estea en crecemento", explican os expertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta