Por E.P. | Ferrol | 09/04/2025 | Actualizada ás 19:52
Unha paciente da área sanitaria de Ferrol solicitou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) o abono dun total de 16.170,40 euros que pagara nunha clínica privada en Madrid por unha operación nun pé. Con todo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a súa petición por non ver "urxencia" nin "perigo vital".
Tal e como recolle a sentenza da Sala do Social, con data do 27 de febreiro, os feitos ocorreron no 2018. A muller acudiu o 13 de marzo dese ano ao Sergas cunha dor no nocello dereito, pero en Traumatología non apreciaron ningunha patoloxía e foi dada de alta o 18 de abril.
Meses máis tarde, o 26 de outubro, segundo relata o fallo, foi consultada de novo por esta dor e citárona para unha radiografía para catro meses despois, o 28 de febreiro de 2019. Con todo, anulou esta cita porque o 17 de outubro xa se operou do túnel tarsiano nunha clínica privada de Madrid.
Posteriormente, a muller presentou unha reclamación ante o Sergas para reclamar os 16.170,40 euros da operación, pero foi desestimado pola vía administrativa. Xa na xustiza, tanto o Xulgado do Social de Ferrol como o TSXG denegáronllo.
A muller argumentou que estivo "un ano sen tratamento algún", entre marzo --cando acudiu ao Sergas por primeira vez-- e outubro do 2018, pero os maxistrados do alto tribunal galego non consideran que se contrariase a lexislación sanitaria.
O TSXG argumenta que "non se aprecia que exista unha necesidade perentoria" de acudir a unha clínica privada, "porque nin consta que o Sergas denegase outra intervención alternativa, nin se acredita perigo vital".
Ademais, aínda que a valoración dos especialistas do Sergas non levara inicialmente á operación porque se "descartou a urxencia", si que foi citada de novo para a proba de imaxe, "quizais con certa demora, pero non excesiva nin comprometedora da saúde da recorrente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.