A Xunta inviste 320 millóns para impulsar o comercio local ata 2030

Será a través de máis de 70 accións enmarcadas no novo plan estratéxico do sector. Esta folla de ruta busca potenciar este eido clave para a economía e a cohesión territorial de Galicia, quinta autonomía con maior número de empresas de comercio retallista

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2025 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia vén de presentar o novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros nos vindeiros anos co obxectivo de potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza dun sector fundamental para a economía da Comunidade, que abrangue máis de 32.000 establecementos —sendo a 5ª CCAA de España con maior número de empresas de comercio retallista— e xera 107.000 empregos.

Pezas de roupa nun comercio local
Pezas de roupa nun comercio local | Fonte: Xunta

Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, o Plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego a este ámbito e busca dar resposta aos retos identificados no proceso de diagnose, realizado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio, con máis de 300 representantes de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e administración local. 

PRINCIPAIS NOVIDADES

O Plan estratéxico do comercio de Galicia constitúe unha folla de ruta estratéxica na que se inclúen ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, contemplando grandes accións de visibilidade e dinamización, como a creación dun marca unificada do comercio galego ou a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras co proxecto singular Vilas vivas. A planificación tamén pon o foco de xeito prioritario en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para impulsar experiencias de compra diferenciadas, como é o caso dos centros comerciais abertos —potenciando a excelencia das súas propostas— e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes das súas contornas a través da iniciativa Prato de mercado. 

A conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas e faino nunha dobre vía: por unha banda, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vencellos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garantan a necesaria remuda xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio no que se asentan.

Mercando peixe nunha praza de abastos
Mercando peixe nunha praza de abastos | Fonte: Xunta

UNHA APOSTA POLA COMPETITIVIDADE

Entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do Plan aprobado hoxe no Consello— o documento oriéntase a aspectos clave como o fomento da dixitalización —contemplando accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia—, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos. Tamén neste eixo se artellan accións específicas a prol do emprendemento e a pervivencia de negocios rendibles, promovendo sinerxías coa Rede de polos e buscando atraer o talento de perfís estratéxicos como a mocidade  e os galegos retornados. Garantir a remuda tamén é un dos grandes obxectivos para Artesanía de Galicia, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.

MEDIDAS A PROL DA DINAMIZACIÓN COMERCIAL

No que respecta ao segundo dos eixes, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local —e xunto con medidas estrela como os Bonos Activa Comercio ou as xas mencionadas Vilas vivas, Prato de mercado e Localízate—, destaca tamén a colaboración nas Áreas Rexurbe, centrado na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades galegas. Tamén se recollen medidas a prol doutras figuras clave do comercio galego, como o comercio ambulante —coa promoción do distintivo de calidade Feiras de Galicia— e os obradoiros artesanais —estimulando diferentes vías de comercialización de Artesanía de Galicia e artellando novos programas de divulgación como Artesanía na escola.

REFORZO DA COORDINACIÓN DO SECTOR

Finalmente, o Plan, a través do seu terceiro eixe, consolidará un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector. Con ese gallo, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e as administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se realiza a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá intensificando. Tamén se promoverá a colaboración interinstitucional a prol do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Adicionalmente, reforzarse o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras e, por ende, da calidade dos servizos do sector comercial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta