Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2025 | Actualizada ás 18:12
O BNG rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno central que "rexeite calquera posibilidade" de utilizar as rías galegas, e en particular a ría de Arousa, como punto de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios.
Segundo explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclaman, a clausura definitiva do punto de vertedura situada nas proximidades da illa de Sálvora, así como realizar estudos ambientais que permitan evalúar o impacto ecolóxico e económico deste tipo de prácticas sobre un ecosistema de alto valor.
"Escoller este punto de vertedura non se fixo con criterios ambientais nin con participación pública, senón que responde a unha política de feitos consumados que ignora tanto a riqueza natural da zona como os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro", asegurou Rego.
A iniciativa do BNG lembra que en 1998 o Ministerio de Fomento habilitou este punto de vertedura "sen realizar exposición pública nin contar con informes ambientais accesibles", aínda que se sitúa dentro dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), a menos de dúas millas da illa de Sálvora e moi preto de caladoiros tradicionais.
Rego criticou que, "a pesar da súa evidente importancia ecolóxica e económica" ese punto foi utilizado durante anos por Portos do Estado e por Portos de Galicia "sen estudos rigorosos nin seguimento" dos afectos a medio e a longo prazo.
O BNG advirte sobre a proposta do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), dependente dos ministerios de Transportes e de Transición Ecolóxica, que volve propor como "prioritario" o mesmo punto de vertedura en Sálvora para os residuos de dragado do Lérez, que foi rexeitado en 2021 e que o sector pesqueiro "vetou con contundencia" en 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.