Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2016 | Actualizada ás 12:00
Izquierda Unida comezou este luns o proceso de consulta posto en marcha por Izquierda Unida Federal para que súa militancia e simpatizantes en Galicia dean a súa opinión sobre a procura dunha confluencia con outras forzas políticas, principalmente, Podemos. O proceso estará aberto ata o vindeiro mércores 4 de maio.
Nun comunicado, Esquerda Unida suliña que o obxectivo da súa dirección federal na negociación aberta con Podemos é concretar unha coalición que recoñeza que son “forzas políticas distintas” e que “garanta a visibilidade de cada forza política na campaña e no posterior espazo institucional e político que sexa resultado do proceso electoral”.
Tamén se pide que “se respecte a propia identidade de cada forza política, que ten os seus propios programas e os seus propios liderados”. Sobre a propia consulta, IU fixo chegar ás súas bases a pregunta que deberán votar: “Aprobas unha coalición electoral con Podemos e outras forzas de cara ás eleccións do 26 de xuño?”.
Nos dous primeiros días previstos para a consulta poderase votar “Si”, “Non” ou “Abstención” vía Internet, a través da web de Izquierda Unida, mentres que o último día, o mércores 4 de maio, se reserva para o voto presencial nos lugares que habiliten para iso as distintas federacións que compoñen a organización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.